O Pleno de Mos aproba a modificación puntual do PXOM

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidad, Actualidade

O Pleno de Mos aproba a modificación puntual do PXOM

Mos, 30 de setembro de 2019.- O Pleno do Concello de Mos na súa sesión ordinaria de setembro, celebrada hoxe, deu luz verde a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) grazas aos votos favorables dos nove concelleiros do Partido Popular que conforman o  equipo de goberno. Os grupos da oposición. PSOE, Gañamos e o Bloque Nacionalista Galego votaron en contra.

A modificación puntal do PXOM de Mos aprobada hoxe no Pleno nace da necesidade de cambiar o uso actual do solo, actualmente clasificado como rústico de protección forestal, para aproveitar as potencialidades  do concello para localizar novos investimentos.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo insistiu hoxe na “oportunidade histórica” que supón para Mos o proxecto do Real Club Celta, “que convertirá este municipio nun referente internacional en materia deportiva, xerará emprego, economía e comercio para os mosenses”. De feito, e segundo a memoria económica do proxecto levado hoxe ao pleno, prevese a creación de máis de 2.000 novos postos de traballo e permitirá un incremento na recaudación anual impositiva de máis dun millón de euros. Asimesmo, aportará ás arcas do Concello de forma puntual máis de sete millóns de euros.

En conxunto, o proxecto suporá crear novas infraestruturas públicas para o municipio por valor de 41,6 millóns de euros e un investimento total duns 200 millóns de euros co conseguinte impacto na dinamización da industria e, en xeral, na economía local e de toda a área metropolitana. O proxecto tamén prevé a mellora ambiental e paisaxística de máis de medio millón de metros cadrados de monte que se reforestarán con especies autóctonas conformando un parque de uso público e unha mellora importante nas redes veciñais de auga existentes no ámbito, garantindo a  conservación e renovación das actuais infraestruturas.

Arévalo instituí tamén en que “o Concello de Mos seguirá a ser o maior garante de todo o proceso e que traballará sempre desde o respecto e coa fin de conseguir un acordo que resulte positivo para todas as partes”.

 

 

 

 

 

 

Servizo municipal para dúbidas e alegacións

O Concello de Mos lembra que, tras esta aprobación, ábrese un plazo de exposición pública do proxecto de 60 días e que a partir de mañá, e por un prazo de dous meses, todos os veciños poderán presentar alegacións e exponer e resolver as súas dúbidas con dous técnicos municipais, un xurídico e un arquitecto, que estarán a súa disposición, no Concello, en horario de mañá.