O presidente da Xunta inaugurou as obras de humanización na contorna da igrexa de San Mamede de Torroso

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

O presidente da Xunta inaugurou as obras de humanización na contorna da igrexa de San Mamede de Torroso realizadas ao abeiro do Plan Hurbe
 
RUEDA DESTACA QUE OS 7M€ DO PLAN HURBE PREVISTOS PARA ESTE ANO DARÁN UN NOVO PULO AO “FERMOSISMO” E AFONDARÁN NA COLABORACIÓN INSTITUCIONAL EN MATERIA URBANÍSTICA
 
Subliña que o investimento de 390.000 euros levado a cabo na contorna da igrexa de San Mamede permitiu actuar en 2.700 metros cadrados coa substitución do asfalto por pavimento de pedra e con outras melloras no alumeado público e nos xardíns
 
1 de agosto de 2022.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe en Mos que os 7 millóns de euros do Plan Hurbe previstos para este ano darán un novo pulo ao “fermosismo” e afondarán na colaboración institucional en materia urbanística.
 
O titular do Goberno galego, acompañado pola Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, a Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz, a Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, Concelleiros/as do goberno local e demais membros da Corporación Municipal, a Deputada Autonómica Feli Rodríguez Carrera o Bispo da Diócese Tui-Vigo Luis Quinteiro Fiuza (que bendeciu as obras), o anterior Cura Párroco de San Mamede de Torroso, D. Manuel Álvarez, o actual Cura Párroco de San Mamede de Torroso, D. David López Castro, Estefanía Grandal: arquitecta redactora do proxecto e veciña da parroquia de Torroso, o cantante Antonio Barros que interpretou os Himnos de Mos e de Galicia, representantes das Asociacións da Parroquia de Torroso e veciñanza en ceral; comprobou as melloras que se levaron a cabo na contorna da igrexa de San Mamede de Torroso cunha inversión de 390.000 euros que permitiron actuar en 2.700 metros cadrados para, entre outras cuestións, substituír o asfalto por pavimento de pedra, renovar o alumeado público ou levar a cabo a drenaxe do espazo e das zonas axardinadas.
 
Rueda puxo en valor a colaboración entre administracións que, neste caso, permitiu abondar no “fermosismo” de Mos cunha actuación que a Xunta financiou co 70 % de custe e o Concello co 30% restante. “A colaboración sempre dá bos froitos e o Plan Hurbe é un instrumento que o facilita”, indicou en referencia a un programa especialmente relevante no rural, onde promove humanizacións para o desfrute dos cidadáns que “paso a paso permiten mellorar o respecto pola paisaxe en todo o país”.
 
Entre os anos 2010 e 2021, a Xunta colaborou no financiamento de máis de 360 intervencións urbanísticas, cun investimento global que supera os 155 millóns de euros.
 
No presente ano deuse un novo pulo a esta iniciativa coa reserva de 7 millóns para recuperar equipamentos municipais e mellorar a integración paisaxística das contornas urbanas.