O propio Mos preséntase como o mellor agasallo corporativo para actos municipais de carácter oficial

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Un libro de dez capítulos, un por cada parroquia mosense, recopila as mellores imaxes do Concello

Esta mañá presentouse no Concello o libro de fotografías, ‘Mos o Mellor Agasallo’, no acto estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Marta Iglesias, deputada provincial -en representación da Deputación de Pontevedra que financiou a impresión e edición do libro-, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura, Óscar Soto, concelleiro de Formación e Emprego, as alumnas de deseño gráfico do Obradoiro de Emprego Alfacuca III, encargadas da maquetación e deseño do volume editado, acompañadas polas súas profesora e directora, Lidia Nokonoko e Paloma Lambas, respectivamente; e demais edís mosenses.

As alumnas da especialidade de promoción turística local e deseño gráfico do Obradoiro de Emprego Alfacuca III do Concello de Mos traballaron durante o mesmo neste producto turístico consistente nun libro de fotografías no que aparecen plasmados en imaxes os lugares, monumentos e edificios máis fermosos e emblemáticos da localidade. A publicación está dividida en dez capítulos, un por cada unha das dez parroquias mosenses: Mos, Torroso, Petelos, Tameiga, Guizán, Dornelas, Cela, Louredo, Sanguiñeda e Pereiras. Cada un destes capítulos contén imaxes dos enclaves e paisaxes de maior beleza da parroquia en cuestión da que trata o capítulo.

Como se dixo, da elaboración, isto é do traballo de deseño e maquetación do libro, encargáronse as alumnas traballadoras da especialidade de turismo e deseño da terceira edición do obradoiro Alfacuca. Neste sentido a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, destacou a importancia deste material gráfico “xa que é a primeira vez na historia do Concello que se levou a cabo a edición dunha publicación fotográfica desta calidade que ademais de promocionar turísticamente as bondades do noso municipio, fará as funcións de agasallo corporativo, de material de consulta na Biblioteca Municipal, etc.”, declarou ó respecto a rexedora local.

Este libro que será empregado en diante como obsequio corporativo municipal, forma parte do desenvolvemento dunha estratexia de promoción dos recursos locais do municipio e a súa plasmación gráfica a modo de desenvolvemento de productos turísticos, culturais, educativos, medioambientais, co obxectivo final da promoción dos mesmos e da consolidación da identidade propia do municipio de Mos.

Ademais dos labores de deseño e maquetación, as alumnas traballadoras de promoción turística local e deseño gráfico adicáronse a facer traballo de campo para este proxecto, visitando e fotografando varios puntos do Concello. Os concelleiros de Formación e Emprego, Óscar Soto, e de Cultura, Sara Cebreiro, felicitaron hoxe a estas mulleres polo traballo que levan feito ata o de agora e as animaron a continuar na mesma liña en futuros empregos ou proxectos.

O Obradoiro de Emprego Alfacuca III que se clausurou onte coa visita da delegada da Xunta de Galicia en Vigo, María José Bravo Bosch, deu comezo a finais de decembro de 2012 e tivo seis meses de duración. Contou cun número total de 32 alumnos traballadores e esta terceira edición do obradoiro foi posible gracias á financiación da Xunta, que o subvencionou con preto de 300.000 euros.