O Punto Limpo de Mos reabre o martes 19 de maio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Mantén o horario de sempre e será limpado e desinfectado periódicamente, varias veces por semana

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informaron hoxe da reapertura do Punto Limpo de Mos, sito no Polígono Empresarial da Veigadaña, que fora pechado ao desencadearse a crise sanitaria do COVID-19.

O Punto Limpo abrirase o vindeiro martes 19 de maio para o cal onte foi valeirado, de cara a que teña dispoñible o 100% da súa capacidade para poder recoller todas as entregas que a veciñanza faga condo se reabran as portas tras dous meses pechado.

Esta fin de semana será desinfectado e ionizado e, desde a súa reapertura, recibirá limpeza, baldeo e desinfección periódicos. Os labores de limpeza intensiva realizaranse 3 veces por semana e a desinfección e baldeo con productos específicos, tales como hipoclorito etc., farase todas as fins de semana.

O horario de reapertura será o mesmo que xa tiña anteriormente o Punto Limpo: martes e xoves de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas e os sábados de 10 a 14 horas.

Lémbrase que non están permitidas as entregas de empresas, nin descargas de camións, e tampouco poden levarse rodas, uralita, nin restos de palmeiras nin outras árbores afectadas por plagas; eses desfeitos deben ser entregados directamente nunha pranta de xestión de residuos. O límite de verquidos anuais por veciño/a é dun máximo de 5.

Ademais o edil Leo Costas aproveitou para recordar que tamén existe un número de teléfono da empresa concesionaria do servizo municipal de recollida de lixo ao que os e as mosenses poden chamar para que lles recollan a domicilio entullos que queiran desfeitar (e non ter que desprazarse ata o Punto Limpo para facelo). O devandito teléfono é o 900 720 190.

Por último Costas fixo un chamamento á veciñanza para pedirlle que se conciencie de que non é necesario realizar verquidos incontrolados en lugares non habilitados, xa que volve a ter ao seu servizo tanto o Punto Limpo como o servizo de recollida a domicilio de entullos; e destacou a importancia do civismo na sociedade en momentos como os que estamos a vivir actualmente.