O Servizo Provincial de Recollida de Animais Abandonados recolleu 19 cans en Mos durante os últimos catro meses

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Representantes municipais visitaron esta semana as novas instalacións do centro provincial de acollida en Armenteira, Meis

 

A concelleira de Medio Ambiente mosense, Julia Loureiro, que visitou estes días as novas instalacións do centro provincial de acollida de animais abandonados en Armenteira, Concello de Meis, informaba hoxe dos datos concretos de Mos dende a apertura e entrada en funcionamento deste servizo provincial o pasado 8 de abril, fai xa catro meses. Loureiro aportaba hoxe cifras concretas de recollida, habendo recollido neste tempo en Mos o Servizo Provincial de Recollida de Animais Abandonados un total de 19 cans, o que responde a unha media de preto de 5 cans abandonados ó mes.

 

Neste sentido a edil responsable de Medio Ambiente aproveita para fomentar a concienciación cidadá e a sensibilización dos particulares veciños e veciñas de Mos para que non abandonen ás súas mascotas, “que normalmente son atopadas e recollidas en viais, camiños e estradas, nos que corren perigo as propias vidas dos animais así coma as das persoas que viaxan en automóbiles e peóns”, dí Julia Loureiro.

 

Sen embargo a concelleira aportou tamén datos positivos e optimistas a este respecto, e é que dos 19 cans abandonados en Mos e recollidos polo servizo provincial durante os últimos catro meses, 14 xa foron adoptados e tan só 5 permanecen perfectamente albergados e atendidos no Centro de Acollida e Protección Animal de Armenteira. É por iso que Julia Loureiro quixo agradecerlles ás familias adoptivas destes 14 animais a súa solidariedade e sensibilidade.

 

Loureiro destacou tamén sobre as instalacións de Armenteira que “durante a miña visita ó centro puiden comprobar que se trata dun dos máis modernos e punteiros e aledoume constatar o óptimo proceso que rixe o Servizo Provincial de Recollida e Acollida”. Asimesmo a edil quixo lembrar o número de teléfono de dito servizo, para que calquera habitante de Mos que atope un animal abandonado poida chamar e solicitar que sexa recollido. Dito teléfono é o 608 975 326.

 

Aforro municipal

 

Gracias ó Convenio Marco de Adhesión a este servizo asinado polo Concello de Mos, a administración local mosense logra aforrar un 75%, xa que pasa de pagar os 16.000 euros anuais que cobraba a empresa contratada para a xestión do mesmo, a pagar 4.000 euros por medio do servizo provincial.

 

Como se pode observar, o servizo de recollida de animais tiña un elevado custo económico para o Concello e, a través do Convenio do Servizo Provincial, os municipios pontevedreses con menos de 50.000 habitantes, tal é o caso de Mos con preto de 15.000 veciños, puideron reducir custes na recollida de animais abandonados.

 

O importante aforro neste servizo ven dado pola prestación conxunta do mesmo en varios municipios e pola achega económica da Deputación Provincial.

 

Os animais domésticos abandonados recollidos por este servizo de lacería da Deputación de Pontevedra no termo municipal de Mos pasan a ser xestionados polo Centro de Acollida e Protección Animal de Armenteira. Este centro de acollida e protección de animais abandonados, que está xestionado pola empresa pública estatal TRAGSA, é un referente a nivel provincial xa que é o primeiro centro público destas características autorizado pola Xunta de Galicia en Pontevedra e que no mesmo a Deputación Provincial garante o máximo respecto ás necesidades, o benestar e dereitos dos animais adiantándose ó marco xurídico solicitado na resolución de xullo de 2012 da Eurocámara.