O Torneo de Xadrez Concello de Mos chega á súa cuarta edición

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O evento deportivo enmárcase dentro do XIV Circuíto Galego de Promoción do Xadrez

 

O Club Xadrez Mos organiza a IV edición do Torneo Concello de Mos que se realizará o próximo 7 de setembro. Esta mañá presentouse o evento deportivo no salón de sesións do Concello de Mos coa presenza do tenente alcalde mosense, Camilo Augusto, a concelleira de Deportes, Begoña Toucedo, o presidente do Club Xadrez Mos, Pedro González Rodríguez, o adestrador e tesoureiro do Club, Brais Otero Nogueira, o secretario César Pérez Novás e o vogal Carlos Cuña Delgado.

 

O torneo está incluído nun Circuíto de Torneos (Circuíto Galego de Promoción do Xadrez) promovidos pola Federación Galega, co obxectivo de achegar o xadrez a todos os recunchos da Comunidade Galega e ao maior número posible de afecionados e afecionadas.

 

O torneo mosense é un dos que compoñen o Circuíto. Na pasada edición un total de 180 xogadores/as de todas as idades, desde Sub-8 ata categoría Absoluta, déronse cita nas instalacións do Centro Dotacional de Torroso, lugar de celebración do evento, ademais de sede habitual de desenvolvemento das actividades do Club Xadrez Mos.

 

Dende o club mosense espérase “repetir ou incluso superar o elevado número de participantes e gozar dunha marabillosa xornada de xadrez. Xa contamos cunha previsión de 200 xadrecistas chegados de todas as provincias galegas e tamén do país veciño, Portugal, do mesmo xeito que en pasadas edicións. Nesta 4º edición, ao igual que nas pasadas, o Club Xadrez Mos, organizador do evento, contará co apoio do Concello de Mos para desenvolver a actividade nas mellores condicións posibles para os xadrecistas, e que desta maneira poidan gozar dunha agradable xornada de xadrez no municipio mosense”.

 

O IV Torneo de Xadrez Concello de Mos disputarase no Centro Dotacional de Torroso o sábado 7 de setembro en horario de 11.00 horas da mañá a 20.00 horas da tarde. Os interesados en participar en calquera das categorías, Sub8, Sub10, Sub12, Sub14 e Absoluta, poden facelo xa chamando ao teléfono 618 873 541, ou escribindo ao enderezo de correo electrónico clubxadrezmos@gmail.com