O único colexio internacional de Galicia xa dá clase en Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O único colexio internacional de Galicia xa dá clase en Mos
Os alumnos e alumnas de O Castro International School empezaron o novo curso escolar nas novas instalacións mosenses
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno local, visitaron onte pola tarde guiados pola directora do centro e un dos propietarios do mesmo, David Martínez, o novo colexio de O Castro International School, agora ubicado na parroquia de Cela e anteriormente situado en terreos da veciña localidade de Vigo.
Este novo centro de estudios do municipio, supuxo a creación de novos postos de traballo que foron na súa maioría ocupados por veciños e veciñas de Mos.
As obras de construcción de O Castro International School en Cela comenzaron a finais do pasado ano 2011 e rematáronse antes do inicio do presente curso escolar 2012-2013. Este centro é o único colexio internacional de Galicia e un dos poucos que hai en España. Conta coa convalidación de estudos americana, é dicir, está autorizado polo MSA (Middle States Association) americano. Todo o profesorado deste centro é nativo e as clases impártense en inglés. Ademais, os alumnos e alumnas deste colexio contarán con francés ou chinés como segundo idioma. Actualmente O Castro International School conta con 360 estudantes, aínda que nas novas instalacións ubicadas en Mos hai capacidade para uns 900 rapaces aproximadamente.
Os 360 nenos e nenas que estudian en O Castro International School están repartidos en 15 grupos ou clases, cunha media de 25 alumnos en cada grupo.
Edificación ecolóxica
A construcción do novo colexio O Castro International School en Cela, Mos, realizouse, segundo declarou esta mañá David Martínez, un dos seus propietarios, seguindo as directrices da arquitectura ecolóxica para que se trate dun edificio sostible e respectuoso co medio ambiente.
O estilo de construcción persegue a eficiencia enerxética para o que conta con grandes persianas autorregulables que deixen pasar en cada época do ano a cantidade de luz que sexa necesaria e así aforrar o máximo posible tanto en calefacción coma en aire acondicionado, segundo sexa o caso. Ademais, o sistema de renovación do aire nas aulas conta cun dispositivo que adapta a temperatura dese novo aire á temperatura do interior da aula para que esta non aumente nin diminúa demasiado. A constucción do colexio, que consta de varios edificios baixos en altura, conta tamén con instalación de placas solares para aproveitar ó máximo a enerxía solar; unha enerxía barata e non contaminante.
Asimesmo, o colexio ten cuberta vexetal, a construcción é escalonada adaptándose ó relevo do terreo; e en todo o centro existe sistema de calefacción mediante solo radiante.