O voluntariado socio-sanitario, de Mos Axuda e Protección Civil será homenaxeado nun acto que pechará o programa da Festa da Rosa 2020

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O evento de agradecemento e recoñecemento a estes 27 homes e mulleres celebrarase o venres ás 20.30 horas na Praza do Concello

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura, Turismo e Política Social, Sara Cebreiro, anunciaron hoxe que a Festa da Rosa 2020 clausurarase o vindeiro venres, 26 de xuño, cun acto homenaxe, de recoñecemento e agradecemento, aos colectivos que axudaron desinteresadamente ao Concello de Mos na crise sanitaria do COVID-19.

Os protagonistas desta homenaxe serán as 27 persoas pertencentes aos colectivos de Mos Axuda, Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos e Voluntariado Socio-Sanitario.

O acto celebrarase ao aire libre na Praza do Concello ás 20.30 horas da tarde coa presencia dos membros da Corporación Municipal, Policía Local e Servizo Municipal de Emerxencias. Trátase dun evento con aforo limitado, polo que non está aberto á asistencia de público, como medida preventiva de seguridade ante o COVID-19.

As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, destacaron “o gran labor dos homenaxeados durante os momentos máis duros da crise sanitaria, entregándose por completo á causa, priorizándoa sobre as súas vidas persoais, sen pedir nin recibir nada a cambio máis que gratitude; e sendo o motor da gran cadea humana que integrou o operativo do COVID-19 en Mos”. “Por iso”, continuaron rexedora local e concelleira, “esta homenaxe é o mínimo que podemos facer para compensar o traballo altruista e desinteresado, a prol dos máis vulnerables do municipio pero tamén da poboación en xeral, destes homes e mulleres que estiveron durante tres meses ao pé do cañón ao carón do Concello, activos día e noite, tendéndolle a man aos demais”. “Estamos en débeda con eles e con este acto queremos demostrarlles o moito que valoramos o seu papel nesta crise sanitaria”, concluíron.