O xerente do Xacobeo comprométese coa alcaldesa de Mos a promocionar mediante diversas actividades o Pazo e o seu contorno

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

José Paz visitou esta mañá o albergue de Mos para recoller as melloras necesarias nas súas instalacións

 

O xerente da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, José Paz Gestoso, visitou esta mañá o albergue de peregrinos ubicado no contorno do Pazo de Mos, acompañado pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e membros da directiva da Asociación de Veciños Santa Baia de Mos.

 

Neste encontro o xerente do Xacobeo propúxolle á alcaldesa a posibilidade de organizar un programa de actividades promocionais do Camiño no Pazo dos Marqueses de Mos e o seu contorno, proposta que a rexedora local acolleu con entusiasmo e na que se empezará a traballar de inmediato conxuntamente entre a concellería de Cultura mosense e a Xestión do Xacobeo.

 

Ademais dende o Xacobeo teñen a intención de asumir, en canto haxa redactado un proxecto de obra e se dispoñan dos fondos económicos necesarios, a mellora do albergue de peregrinos. Para elo solicitaron a colaboración do Concello en materia urbanística, suxerindo que sexa un técnico de dito departamento municipal o que elabore o mencionado proxecto de obra; posibilidade que a alcaldesa se comprometeu a estudiar e a facer realidade na medida das posibilidades da administración local.

 

Entre os arranxos que se acometerían no albergue contémplanse o cambio dos cristais das ventanas e a adaptación para dscapacitados físicos e persoas con mobilidade reducida da planta baixa do edificio, na que se instalaría un baño adaptado e catro literas, que suporían 8 prazas a maiores que se sumarían ás 16 prazas coas que xa conta agora o albergue, acadando así un total de 24 prazas.

 

Tal e como manifestou o seu xerente, é intención do Xacobeo potenciar a ruta do Camiño Portugués, e por ende mellorar as instalacións dos albergues de peregrinos que coma o de Mos se atopan en dito Camiño, así como fomentar as actividades promocionais no seu contorno. Pola súa banda, Nidia Arévalo declarouse satisfeita tras o encontro desta mañá, despois de ter surxido nel o punto de partida dunha vía de colaboración co Xacobeo para por en marcha un plan de potenciación cultural do Pazo de Mos e o seu contorno mediante actividades promocionais.

 

Por último, destacar a felicitación recibida do xerente Paz Gestoso por parte dos veciños membros da Asociación de Santa Baia, polo impecable traballo de mantemento e xestión das instalacións do albergue de peregrinos de Mos.