Obradoiro sobre o maltrato a maiores no CDL de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Será o 15 de novembro en horario de 19.00 horas a 21.00 horas

 

A concelleira de Benestar Social mosense, Sara Cebreiro, informou hoxe de que o vindeiro 15 de novembro, en horario de 19.00 horas a 21.00 horas, terá lugar no salón de actos do CDL (Centro de Desenvolvemento Local) de Mos, un Obradoiro de Avaliación, Prevención e Intervención no Maltrato a Persoas Maiores, organizado pola sección de Psicoloxía da Intervención Social do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, coa colaboración do Concello de Mos.

 

O obradoiro, con entrada libre e gratuíta para tódolos interesados en asistir, será impartido pola psicóloga e terapeuta Raquel Malvárez García.

 

Os contidos a tratar e estudiar durante o taller serán a definición, tipoloxías e factores de risco do maltrato a persoas maiores; a detección do maltrato e das consultas negligentes, a importancia da prevención e o coidado á persoa coidadora, e os diferentes protocolos de intervención.

 

Segundo declarou a edil Sara Cebreiro, “a finalidade que persegue esta actividade é ofrecer unha capacitación á hora de abordar o maltrato ás persoas maiores”.

 

Medo e descoñecemento

 

Abordaránse tamén durante esta sesión dous factores clave nestas situacións de maltrato: o descoñecemento tanto por parte de agresores coma de víctimas de que certos comportamentos constitúen formas de maltrato, o encubrimento, por parte dos agresores, das situacións de malos tratos; e o medo da persoa maior a denunciar polas consecuencias que puidese ocasionar ós seus familiares ou a ela mesma. O coñecemento técnico desta temática é determinante para as persoas responsables da atención profesional ás persoas maiores.