Ocio infantil on line co novo programa muncipal “AnimaMOS nas redes”

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

– Iniciarase o vindeiro domingo e terá unha periodicidade de dous veces por semana

 

– Conta, entre outros, con colaboradores da talla de Uxía Lambona, As Maimiñas, o Mago Marco…

 

Dado que nos atopamos en Semana Santa, datas nas que os cativos interromperán por uns días as súas tarefas escolares, e que o Concello de Mos está a emprender diferentes programas on line en redes sociais de lecer dirixidos a diferentes públicos para tratar de facer máis levadeira  a situación de confinamento polo estado de alarma derivado da crise sanitaria do COVID-19, os/as nenos/as de Mos non podían ser menos. E hoxe presentouse a nova iniciativa municipal: “AnimaMOS nas redes”, de animación e ocio infantil, que comezará o vindeiro Domingo de Pascua, día 12 de abril.

 

Os contidos de entretemento para os/as pequenos/as poderán visualizarse todos os mércores e domingos no Facebook e na páxina web municipal do Concello de Mos, www.mos.es

 

Entre ditos contidos haberá desde música, ata maxia, manualidades, xogos, cociña…, etc.

 

Para a creación dos devanditos contidos o Concello de Mos contará coa colaboración, entre outros, de Uxía Lambona, o Mago Marco, As Maimiñas, XQuatro, Carcajadas Animación, Animarte, Activalede, Diverti-MOS. E moitos outros colaboradores/as.

 

O infantil é o sector da poboación que máis está a achacar as circunstancias de encerro, porque os/as cativos/as na meirande parte dos casos non comprenden a situación de confinamento e surxen reaccións de frustación, tristura, enfados, rabietas… Por iso desde o Concello de Mos surxiu esta iniciativa, unha idea que nace coa vontade de volcarse nos máis pequenos e facerlles que o día a día sexa o máis ameno posible; así como apoiar ás familias e axudarlles aos seus pais nestes intres nos que se fai máis complicado aínda concienciar a vida familiar e laboral por mor da situación de confinamento.