Ocupada a segunda Casa dos Mestres de Dornelas rehabilitada

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

As familias que viven nelas son usuarias do departamento municipal de Benestar Social e habítanas en réxime de aluguer social

Xa se atopa habitada a segunda vivenda rehabilitada das antigas Casas dos Mestres de Dornelas que se recuperaron grazas á “subvención para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros ofícios e demais edifícios e vivendas de titularidade municipal” da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Nela realizouse unha obra de mellora integral que incluiu reforma do tellado, instalación de novos baño e cociña, traballos de pintado, renovación de carpintería interior, e instalación eléctrica e de calefacción. Ademais grazas á colaboración de Mos Axuda amoblouse o inmoble.

Nas dúas vivendas das antigas Casas dos Mestres de Dornelas viven sendas familias em réxime de aluguer social que son usuárias do departamento municipal de Benestar Social.

As axudas autonómicas para o arranxo de antigas escolas unitárias foron convocadas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda que concedeu aportacións económicas, en réxime de concorrencia non competitiva para execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguridade, habitabilidade e/ou accesibilidade. As actuacións subvencionables incluíron, para os efectos de determinación do custo total das obras, os honorarios dos profesionais que interveñen, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares. A contía de axuda non podía superar a cantidade de 40.000 € por vivenda rehabilitada, supoñendo a axuda a percibir o 90% do orzamento protexido das obras.

O Concello de Mos presentou para optar a estas axudas o proxecto denominado “Rehabilitación da Casa dos Mestres en Dornelas” que tiña un orzamento total de 44.445 € (IVE incluído), do que o Concello financiou a parte non subvencionable, así como o importe do IVE. O proxecto foi realizado polas arquitectas Estefanía Grandal Leirós e Ludmila Castro Fiorito.

No devandito proxecto incluíase a optimización das dúas vivendas de Mestres existentes en Dornelas, unha das cales xa se atopaba habitada con anterioridade en réxime de aluguer social.

Os traballos a acomtidos nestas dúas casas, sitas na parroquia de Dornelas, consistiron na mellora das características construtivas das cubertas dotándoas de illamento térmico para optimizar o confort interior nas vivendas e como medida de eficiencia enerxética. A rehabilitación de ambas cubertas evita calquera filtración de humidades. Ademais das cubertas, renovouse a rede eléctrica nas dúas vivendas para adaptar a instalación ás necesidades de confort actuais.

Coa rehabilitación desta segunda vivenda en Dornelas o Concello de Mos dispón xa de 8 vivendas sociais, todas ocupadas en réxime de aluguer social: 6 pisos na Urbanización de San Eleuterio e as 2 casas dos Mestres de Dornelas.