Os alumnos de sexto de Primaria do Colexio Lar, gañadores do concurso de murais de Entroido do Concello de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Esta mañá recibiron no propio centro educativo o premio de mans da concelleira Kely Monzón

 

Xa se produciu o fallo do concurso de murais de Entroido organizado polas concellerías de Educación e Cultura mosenses para os centros de Educación Primaria e Escolas Infantís do Concello de Mos. Tras a deliberación do xurado, resultou gañador o mural confeccionado por 25 alumnos e alumnas de sexto curso do Colexio Lar, ata o que se achegou esta mañá a edil de Educación mosense, Kely Monzón, para levarlles o premio acadado.

 

O premio para os creadores do mural gañador consiste nun lote de libros para a  biblioteca do centro educativo, así coma un agasallo individual para cada un dos 25 alumnos/as que participaron na obra.

 

A exposición de tódolos traballos presentados terá lugar o día 11 de febreiro na Festa Infantil de Entroido que se celebrará no Pavillón Óscar Pereiro, de 17.00 horas a 20.00 horas.

 

Sara Cebreiro e Kely Monzón, concelleiras de Cultura e Educación, respectivamente, declararon sobre este concurso que “con el quixemos potenciar a creatividade dos/as nosos/as escolares e sobre todo fomentar a participación en actividades manuais e de grupo con motivo da celebración do Entroido”, explicaron esta mañá as edís.

 

Monzón aproveitou a visita matinal ó Colexio Lar para lembrarlles ós cativos que o luns 11 de febreiro celebrarase unha Festa Infantil de Disfraces no Pavillón Óscar Pereiro a partir das 17.00 horas. A entrada é de balde pero con aforo limitado na entrada ese mesmo día, e está dirixida a nenos e nenas empadroados e/ou escolarizados en Mos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

 

As actividades nas que poderán participar os cativos que acudan a esta festa serán globoflexia, animación musical, interacción con diversas personaxes de fantasía, xogos cunha máquina de pompas de xabón e agasallo, a cada un dos nenos, cunha pulseira luminosa. Na festa contarase tamén cun taller de maquillaxe e con dous hinchables para os nenos menores de tres anos, que deberán permanecer sempre baixo a supervisión e coidado dos seus pais.

 

E por último a concelleira de Educación e Participación Cidadá recordou que os Obradoiros Infantís de Entroido terán lugar no Multiusos das Pozas os días 11, 12 e 13 de febreiro en horario de mañá, de 09.00 horas a 13.00 horas. Neles poderán participar nenos e nenas empadroados e/ou escolarizados en Mos de3 a 12 anos de idade. Esta actividade inclúe servizo de transporte en autobús dos rapaces participantes ata o Multiusos e de regreso ós seus domicilios.