Os enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Mos reciben atención a domicilio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Trátanse dos/as usuarios/as do Centro de Día de Petelos xestionado por AFAGA que pechara as súas portas polo estado de alarma derivado da crise do COVID-19

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia, AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, anunciaron hoxe que os 12 usuarios/as mosenses dos talleres de memoria cognitiva impartidos no Centro de Día da Antiga Casa Reitoral de Petelos comezarán a recibir servizo a domicilio dun xeito totalmente gratuíto sendo asumida a financiación do servizo por parte da administración local.

Tanto desde a Asociación como desde o Concello existía a preocupación de que os usuarios de AFAGA en Mos puideran entrar en risco de deterioro físico e cognitivo ao levar tantos días e semanas sen poder asistir ás terapias que recibían no centro de Petelos, por iso se decidiu levar ese servizo ao domicilio das persoas beneficiarias do mesmo, que son enfermos de Alzhéimer e outras demencias e que tanto precisan deste tipo de atencións.

O servizo a domicilio realízase cunha periodicidade de dúas veces por semana en sesións cunha duración dunha hora. As datas e horario das sesións coordínanse directamente coas familias adaptándose á súa dispoñibilidade e preferencias.

Durante cada sesión realízanse cos usuarios/as terapias de estimulación funcional e cognitiva e deséñanse para cada unha das persoas beneficiarias actividades personalizadas destinadas a evitar a perda de mobilidade. A maiores o servizo a domicilio inclúe apoio psicolóxico, tanto para os pacientes como para os seus familiares, servizo de psicoterapeuta e traballador/a social, etc.

Ademais, dado que o centro de Petelos pechou as súas portas coa declaración do estado de alarma e desde AFAGA continuaron enviándolles ás familias tarefas para que os/as enfermos/as realizasen nas súas casas, que nalgúns casos non podían imprimir ao non dispoñer de impresora nos seus fogares, o Concello ofrécelles tamén a estas familias, e a calquera outra familia mosense con maiores usuarios/as de centros de día, servizo de impresión do que precisen, ao igual que se está a facer coa impresión das tarefas escolares do alumnado mosense. O envío de tarefas para imprimir deberá facerse ao mail: habitamos@concellomos.es