Os exteriores do Pazo de Mos adaptaranse para acoller a 2.000 asistentes á Final da Liga Galega de Bandas de Gaitas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Este evento musical, unha das citas anuais máis relevantes da cultura galega, celebrarase o vindeiro sábado día 26 de xullo

 

Esta mañá celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a rolda de prensa de presentación da Final da XXIV Edición da Liga Galega de Bandas de Gaitas, que organiza a Federación Galega de Bandas de Gaitas, e que este ano acollerá o municipio mosense sendo celebrada no Pazo dos Marqueses de Mos.

 

Á presentación deste evento musical asistiron Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura mosense, Marta Iglesias, deputada provincial, Hipólito Cabezas, presidente da Federación Galega de Bandas de Gaitas, Adrián Rivas, voceiro da Federación Galega de Bandas de Gaitas, Manuel Barciela, presidente da Fundación Pazo de Mos; así como varios outros concelleiros do equipo de Goberno local e representantes da Fundación Pazo de Mos.

 

A Federación Galega de Bandas de Gaitas celebra a súa XXIV Edición da Liga Galega de Bandas de Gaitas -na que participan ó redor de 30 bandas de gaitas (1.000 gaiteiros aproximadamente)- e cuxa final terá lugar no municipio de Mos. Dita final celebrarase no Pazo de Mos o sábado 26 de xullo do 2014 de 12.00 horas a 13.30 horas o 3º Grao e de 18.00 horas a 21.30 horas os 2º e 1º Graos

 

O esceario, instalado no exterior do Pazo dos Marqueses de Mos, nunha explanada contigua, terá unhas dimensións de 20 metros por 20 metros con gradas dispostas en forma de U, nas que se instalarán un total de 1.900 butacas para o público asistente. Esta fase final constará dunha infraestrutura acorde cun acontecemento destas características. Unha gran ferradura de gradas enmarca os círculos de competición, onde os gaiteiros son gravados en todo momento por un circuíto interno de cámaras que retransmite en directo nunha pantalla xigante de Led, para que ninguén se perda ata nin o máis mínimo detalle. Este espectáculo merece un tratamento adecuado tanto para os gaiteiros coma para o público que asista a un dos actos máis relevantes da música galega.

 

Tal e como explicou Hipólito Cabezas, presidente da Federación, na final que se disputará o vindeiro sábado participarán bandas de toda Galicia, Portugal e da Galicia Exterior: País Vasco, Barcelona etc. Os integrantes de cada unha das bandas deberán entrar desfilando e formar unha vez no esceario. A entrada ten que ser totalmente puntual segundo o cronograma pautado, xa que o mínimo retraso é causa de descalificación. Os horarios de actuación de cada unha das bandas foron establecidos por sorteo.

 

A Liga Galega de Bandas de Gaitas consta de dúas fases, a fase de inverno e a fase de verán. Dos resultados de ambas fases extráense as bandas participantes na final, da que sae a campiona de liga. A primeira fase da Liga celébrase cada ano no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.

 

A concelleira mosense de Cultura, Sara Cebreiro, declarou na rolda de prensa desta mañá que dende o departamento municipal que dirixe “estamos encantados de albergar un evento musical destas características e de repercusión autonómica”. E por parte da Fundación Pazo de Mos o seu presidente, Manuel Barciela, aseguraba sentirse “agradecido e orgulloso por contar na parroquia de Mos cun acontecemento tan importante que é unha honra para todos os veciños e veciñas da parroquia”.

 

A deputada provincial, Marta Iglesias, agradeceu o esforzo da Federación de Bandas de Gaitas, en especial do seu presidente, Hipólito Cabezas, na organización da Liga Galega de Bandas de Gaitas e en particular da final da mesma que este ano terá a Mos como esceario. Tamén lles deu as gracias ós membros da Fundación Pazo de Mos por ceder “este marabilloso enclave para celebrar a Final da Liga” e lembrou o permanente compromiso da Deputación de Pontevedra coa cultura galega e a música tradicional.

 

Por último a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quixo facer unha mención moi especial á mosense Banda de Gaitas Ledicia, da que tamén é presidente Hipólito Cabezas. Ledicia, por número de integrantes, representa unha parte moi importante da Banda de Gaitas da Deputación de Pontevedra, algo que a rexedora local considera digno de salientar e revindicar. Ademais Arévalo explicou que, antes incluso de formar parte da Banda de Gaitas da Deputación, Ledicia xa participapa na Liga Galega de Bandas de Gaitas e gañou en varias ocasións.

 

E é que Ledicia gañou a Liga os dous pasados anos consecutivamente, e xa a gañara previamente noutras dúas ocasións máis, polo que se gaña a presente edición sería o terceiro ano consecutivo gañando e sumaría cinco edicións como vencedora, polo que a Banda quedaría co trofeo da Liga en propiedade; xa que o gañador de Liga únicamente posúe o trofeo durante un ano e cando se celebra a seguinte edición devólveo para que lle sexa entregado ó seguinte vencedor, agás en dous casos: se a banda participante suma o seu treceiro trunfo consecutivo ou a quinta victoria en anos alternativos. No caso de vencer Ledicia tamén este ano, coincidirían os dous motivos polos cales ésta pasaría a dispoñer en propiedade do trofeo da Liga Galega de Bandas de Gaitas.

 

A rexedora local mosense rematou a súa intervención dándolle as gracias ó presidente da Federación, Hipólito Cabezas, por traer este ano a Mos a Final da Liga, xa que se trata, en definitiva, dun evento moi vencellado a esta localidade. Destacou o fermoso de que poida ser celebrada no Pazo de Mos, “que é a principal insignia do noso municipio”, dixo. Tamén agradeceu á concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, o traballo de coordinación coa Federación Galega de Bandas de Gaitas para organizar este acto, así coma a colaboración co mesmo da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, representadas neste caso pola deputada provincial Marta Iglesias e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, respectivamente. E por último, deulle ás gracias tamén ó Concello de Forcarei, que prestou mobiliario para empregar na adaptación dos exteriores do Pazo de Mos de cara a acoller un evento de gran envergadura como é a Final da Liga Galega de Bandas de Gaitas.