Os maiores de Mos, en forma

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Ábrese o prazo de inscrición no programa Exercítate, tras as actividades de termalismo e os obradoiros de axilidade mental e memoria organizados no que vai de ano

A partir de onte os maiores mosenses teñen unha oportunidade máis para manterse en forma tanto física como mentalmente, xa que se abriu o prazo de inscrición no programa municipal Exercítate, que leva a cabo a concellería de Benestar Social que dirixe a edil Sara Cebreiro, e que oferta natación e ximnasia de mantemento para o curso 2012/2013 no Pavillón Óscar Pereiro.

E é que mediante a realización en grupo de actividades físicas e deportivas, conséguese establecer uns importantes lazos de comunicación entre as persoas maiores, intercambiando experiencias e opinións; atribuíndo así unha maior riqueza e complementariedade ás actividades. Ademais, estas pretenden ser unha fonte de estimulación intelectual e física variada, de forma que sexan motivadoras e que inciten a participar de forma activa ós maiores do municipio evitando que caian na sedentariedade e perdan, por conseguinte, saúde física.

O prazo de inscrición no programa Exercítate rematará o vindeiro 28 de setembro e os interesados en realizar os cursos de natación ou ximnasia de mantemento deberán presentar a súa solicitude dentro de prazo na Piscina Municipal. Esta iniciativa vai dirixida a veciños e veciñas de Mos maiores de 60 anos ou pensionistas maiores de 50 anos. Ós que se incriban nos dous cursos, natación e ximnasia, sairalles un deles totalmente gratis.

Neste programa Exercítate estímase que participarán alomenos 140 persoas, que foron as beneficiarias do pasado curso: 60 en ximnasia de mantemento e 80 en natación.

Sen embargo, esta non é a única iniciativa emprendida este ano polo Concello de Mos para que os seus habitantes máis veteráns se manteñan activos. Son varios os programas que, no que vai de 2012, a administración local leva desenvolvido a prol do benestar dos seus maiores, tales coma os programas de termalismo financiados pola Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Imserso; ou o obradoiro de axilidade mental e memoria organizado pola concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón.

Este último celebrouse no Multiusos durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, e nel os 14 maiores mosenses participantes realizaron diariamente actividades físicas e de estimulación cognitiva, xa que para acadar o benestar tanto físico como psicolóxico é necesario practicar a actividade física durante polo menos 30 minutos ó día e lograr así que se convirta nun hábito. Ademais neste obradoiro, destinado a estimular o desenvolvemento cognitivo, realizáronse talleres abertos a todo tipo de variantes: exercicios de memoria, exercicios de atención, cálculo, escritura, lectura, expresión plástica, estimulación dos sentidos, orientación espazo-temporal, linguaxe, etc.

No que respecta ós programas de termalismo da Xunta, Deputación e Imserso, as traballadoras sociais do Concello de Mos xestionaron, no que vai de ano, aproximadamente máis de 200 solicitudes.

Ademais destes tres programas que benefician máis directamente ó benestar físico dos maiores de Mos, dende o Concello organízanse tamén outras iniciativas que contribúen a que estes manteñan unha vida activa na que interactúen con outras persoas da súa idade e do seu contorno, tales coma viaxes, excursións, ceas e xantares de Nadal e Entroido, a anual Festa da Terceira Idade recentemente celebrada en Costoias, etc.