Os maiores de Mos poden participar nunha viaxe de tres días á provincia de León

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A excursión realizarase a finais de xuño e os interesados en inscribirse teñen de prazo ata o día 5 dese mesmo mes para facelo

 

A edil de Participación Cidadá do Concello de Mos informou hoxe de que está aberto o prazo de inscrición na excursión a León para a terceira idade mosense, que re realizará durante os días 28, 29 e 30 de xuño.

 

O prezo por participante da viaxe ascende a 140 euros. Sobre esta actividade a concelleira responsable declarou que “dende o departamento municipal de Participación Cidadá, este ano 2013 estamos a tentar cumprir as necesidades que nos chegan ao noso departamento do colectivo dos maiores mosenses”.

 

Esta viaxe, que está incluída no programa“ Tempo de Excursións”, ten como finalidade que os participantes con menos posibilidades de ocio, e que non contan con iniciativa propia ou posibilidade de organización e disposición, viaxen con xente do seu entorno, e darlles a posibilidade de coñecer outras localidades e enriquecerse do turismo histórico, natural-paixaxístico e cultural. Ademais, este tipo de saídas fortalece os lazos entre os veciños e veciñas fomentando a súa vez a autonomía persoal, as habilidades de socialización e o aprendizaxe, entendéndoo este ao longo da vida. É por iso que a concellería de Participación Cidadá ofértalles ós maiores mosenses a posibilidade de coñecer outros lugares típicos e populares do país; este caso, terán a ocasión de coñecer León.

 

Máis concretamente, os obxectivos desta iniciativa son impulsar a participación social activa e a integración das persoas maiores na comunidade, previr a soidade, impulsar e dinamizar as relacións sociais e promover o turismo como ferramenta de lecer, aprendizaxe e socialización.

 

As persoas que poden beneficiarse desta viaxe son todas aquelas empadroadas no Concello de Mos, maiores de 60 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos. Para participar nesta actividade hai que apuntarse no Rexistro do Concello, facendoo de maneira presencial para asinar a solicitude. O prazo de inscrición rematará o vindeiro 5 de xuño e o prazo de pago será do 6 ao 10 de xuño. O día 6 de xuño farase pública a lista de admitidos.

 

Durante a viaxe os participantes terán a oportunidade de coñecer As Médulas, Ponferrada, León, Astorga, e o Castelo dos Polvazares. O prezo por persoa da excursión inclúe tranporte a tódolos puntos a visitar en autocar, pernocta en hotel, manutención en pensión completa, visitas, guía acompañante e seguro de viaxe.