Os maiores de Mos poderán visitar Ribadavia o sábado 27 de abril

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O prazo de inscrición abrirase o día 12 e rematará o 23 de abril

 

O Programa Tempo de Excursións da concellería de Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organiza unha visita a Ribadavia para os maiores de Mos. O Programa Tempo de Excursións que se realiza neste departamento dende o ano 2009, data na que se creou, atende a demanda de este colectivo e ten como finalidade que os participantes con menos posibilidades de ocio, e que non contan con iniciativa propia ou posibilidade de organización e disposición, facilitarlles con este servizo a que viaxen con xente do seu entorno, e darlle a posibilidade de coñecer a nosa autonomía e enriquecerse do turismo histórico, natural- paisaxístico e cultural.

 

Monzón asegura que “este tipo de saídas fortalece os lazos entre os veciños e veciñas fomentando a súa vez a autonomía persoal, as habilidades de socialización e o aprendizaxe, entendéndoo este ao longo da vida”.

 

Neste caso os participantes no Programa Tempo de Excursións terán a ocasión de coñecer Ribadavia o sábado 27 de abril. Poderán inscribirse nesta actividade todas as persoas empadroadas no Concello de Mos maiores de 60 anos, ou pensionistas maiores de 55 anos; para facelo deben apuntarse no Rexistro do Concello de maneira presencial para asinar a solicitude durante o prazo de inscrición que será dende o 12 ao 23 de abril.

 

O listado de asistentes constituirase por rigorosa orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello e publicarase o día 23 de abril. O límite de prazas para esta actividade será de 55 persoas. O prazo de pago será o 23 ao 25 de abril. O prezo da excursión para os participantes é de 24 euros por persoa.

 

A viaxe constará de distintas visitas entre as que se atopan panorámica polo Ribeiro, visita con guía aos principais monumentos do Ribeiro (Melón, San Clodio, Leiro e Beade), bodega do Ribeiro, e castelo de Ribadavia; ademais de xantar no restaurante Evencio, transporte en autobús ata tódolos puntos a visitar, seguro de viaxe e guía.