Os máis de 100 participantes no programa municipal “Exercítate” para maiores de Mos celebraron hoxe o seu fin de curso

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Ao acto de clausura que tivo lugar esta mañá no Pavillón Óscar Pereiro asistiron a alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelelira de Participación Cidadá, Julia Loureiro, que presentaron o programa “Mos no Verán” para o que xa se atopa aberto o prazo de inscrición

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Participación Cidadá mosense, Julia Loureiro, asistiron está mañá á clausura do curso 2017-2018 do programa “Exercítate” para maiores do municipio. O proxecto “Exercítate” está dirixido á xente da terceira idade do Concello de Mos e a súa finalidade é mellorar a calidade de vida das persoas maiores, e potenciar tanto a saúde física coma a mental mediante actividades lúdico-deportivas.

O devandito programa conta con clases de natación e ximnasia no Pavillón Óscar Pereiro e este curso asistiron ás mesmas un total de 106 persoas.

Sobre este programa as representantes municipais, Arévalo e Loureiro, declararon hoxe que “a actividade física é moi beneficiosa para a saúde, sobre todo practicándoa con regularidade, e con ela preténdese conseguir o mantemento da independencia funcional dos beneficiarios/as necesaria para o desenrolo das actividades de vida diaria básicas. Axuda tamén a previr enfermidades crónico-dexenerativas e a aparición dunha serie de limitacións que aínda que non constitúan secuelas dunha enfermidade impiden ou limitan a realización de moitas actividades. Do mesmo modo a actividade mental aporta incontables beneficios para a terceira idade, fomenta o envellecemento activo, retrasa a situación de dependencia e mellora a autoestima”.

Con todo isto, o proxecto “Exercítate” proporciona ás persoas maiores uns efectos beneficiosos, tanto preventivos que axudan a previr o envellecemento do cerebro e con el as enfermidades que teñen que ver coa perda da memoria (demencia, alzheimer, etc.), como de mantemento, rehabilitadores, psicolóxicos en canto desenvolve un espírito de superación importante que inflúe en todos os ámbitos de vida cotiás, á vez que axuda a combater o estrés, a ansiedade e a depresión e distrae e evade das preocupacións; e sociais, posto que favorece o traballo en equipo e desenvolve o espírito de compañeirismo.

O obxectivo xeral deste programa é mellorar a calidade de vida das persoas maiores do Concello de Mos, así como aumentar a súa independencia funcional e autoestima. Utilizando unha metodoloxía activa e moi participativa, baseada na dinámica de traballo grupal, buscando as vantaxes que pode ofrecer un grupo tales coma favorecer as relacións sociais, facer as actividades máis amenas, etc.

No curso 2017-2018 a actividade de ximnasia dividiuse en dous grupos: o 1º grupo de 26 participantes cuxas clases impartíanse os martes e xoves, o 2º grupo de 30 participantes con clases os mércores e venres. Por outra banda a actividade de natación dividiuse tamén en dous grupos, cada un deles de 38 participantes, con clases impartidas os martes e xoves en caso do 1º grupo e os mércores e venres o 2º grupo.

Mos no Verán

Por outra banda rexedora local e edil de Participación Cidadá aproveitaron a clausura desta mañá para presentar o programa de actividades estivais “Mos no Verán”. Trátase dun plan dirixido a toda a poboación e que consta dunha serie de iniciativas organizadas ao aire libre dende o 3 de xullo ata o 31 de agosto.

As actividades ofertadas son ximnasia dirixida por monitor/a nos diferentes parques biosaudables existentes no municipio, e clases de aquagym na piscina ao aire libre de San Eleuterio.

A ximnasia nos parques biosaudables impartirase todos os martes e xoves de 09.30 horas a 10.30 horas e o aquagym dividirase en dous grupos, martes e xoves e mércores e venres, ambos en horario de 11.00 horas a 11.45 horas.

Os/as interesados/as en incribirse neste programa poden facelo xa na Piscina Municipal ou telefónicamente chamando ao número 986 33 40 70.