Os mosenses poderán realizar o Camiño Portugués ata Santiago de Compostela en 5 etapas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os interesados en participar teñen ata o venres 10 de abril para inscribirse

 

O Concello de Mos organiza a actividade ‘Mos co Camiño’ consistente na realización a pé do Camiño Portugués de Mos a Santiago de Compostela repartido en 5 etapas.

 

A iniciativa vai dirixida a todos os veciños e veciñas mosenses interesados en participar, que teñen de prazo de inscrición ata o vindeiro venres, día 10 de abril, presentando o impreso debidamente cumprimentado no Rexistro do Concello de Mos e xuntando copia do DNI. A lista de admitidos será publicada o luns 13 de abril.

 

En todas as etapas os peregrinos participantes contarán cun coche de apoio, acompañamento dos Voluntarios de Protección Civil de Mos, avituallamento, servizo de autocar para desprazamentos ata os puntos de partida e regreso a Mos, e comida do último día. O prezo das 5 etapas por persoa é de 15 euros. A hora de partida de todas as etapas será ás 08.30 horas da mañá e todas as etapas realizaránse en sábado, agás a terceira etapa que se levará a cabo o venres día 1 de maio.

 

A primeira etapa será Tui-Mos o día 18 de abril e a saída en autobús realizarase dende o Pazo de Mos, a hora de regreso estimada será ás 14.00 horas. A segunda etapa será Mos-Arcade o 25 de abril con regreso en autocar ata o Pazo de Mos sobre as 14.30 horas aproximadamente. A terceira etapa, Arcade-Barro, levarase a cabo o 1 de maio con saída e regreso en autocar dende o Pazo de Mos cunha hora estimada de volta de ó redor das 14.30 horas. A cuarta etapa será de Barro a Padrón o 9 de maio con saída e regreso tamén dende o Pazo de Mos e regreso previsto sobre as 14.30 horas. A quinta e última etapa incluirá o percorrido de Padrón a Santiago con saída e regreso dende o Pazo de Mos e volta contemplada sobre as 19.00 horas da tarde, xa que esta xornada incluirá xantar nun restaurante de Santiago de Compostela e visita á Catedral.