Os mozos do obradoiro de prevención de abandono escolar monitores por un día dos cativos do campamento municipal estival

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Esta iniciativa sérvelles ós xoves de motivación antes de enfrontarse ós exames de recuperación de asignaturas suspensas, que realizarán a vindeira semana

 

Os 12 participantes no obradoiro de prevención do abandono escolar, AproveiteMos o Verán fixeron hoxe de monitores por un día cos 20 nenos e nenas da cuarta quenda das Mañás de Verán.

 

Esta ducia de alumnos de 3º e 4º cursos da E.S.O. encargáronse de deseñar e organizar unha serie de actividades e xogos que puxeron na práctica ó longo desta mañá nas instalacións do Colexio de Sanguiñeda, Mestre Valverde Maio, facendo as veces de monitores dos cativos participantes nas Mañás de Verán. O obxectivo desta iniciativa, segundo explicou a concelleira de Educación e Participación Cidadá mosense, Kely Monzón, que se achegou esta mañá ata Sanguiñeda para visitar ós rapaces e rapazas, “é a estimulación dos mozos do obradoiro AproveiteMos o Verán, facéndolles sentir responsables dos nenos máis pequenos que eles, ós que dar pautas, normas de xogo e comportamento; e estimulando a súa capacidade de inventiva e imaxinación para idear xogos e ser capaces de explicarllos ós cativos”.

 

Os mozos do obradoiro de prevención do abandono escolar atópanse xa na recta final da actividade AproveiteMos o Verán, xa que os 12 presentaranse a vindeira semana ós exames de recuperación das asignaturas suspensas durante o pasado curso escolar, tras os cales farán unha autoevaluación en grupo xunto coas súas monitoras da OMIX, dándose por concluída así esta iniciativa estival.

 

Pola súa banda os pequenos das 4 quendas das Mañás de Verán, 124 en total, reuniranse mañá de 12.00 horas a 14.00 horas no C.E.I.P. de Sanguiñeda para celebrar, acompañados dos monitores e dos seus nais e pais, unha festa de despedida; xa que mañá remata a cuarta quenda deste campamento matutino estival e dase por finalizada a iniciativa por este ano, reunindo nunha celebración a tódolos seus participantes.

 

AproveiteMos o Verán

 

O pasado día 4 de xullo 12 alumnos e alumnas de centros educativos mosenses iniciaron un proxecto pioneiro nesta localidade que, baixo o título de AproveiteMos o Verán, pretende fomentar a reducción do abadono escolar entre a población estudiante de Mos. Dende a concellería de Educación mosense que dirixe a edil Kely Monzón presentouse na Xunta de Galicia o programa, para o que lle foi finalmente concedida unha subvención coa que financialo e gracias á cal se está a levar a cabo actualmente.

 

O programa AproveiteMos o Verán consiste en talleres de recuperación do alumnado de secundaria que presenta malos resultados académicos ou desmotivación para o estudo. As actividades destes obradoiros contan con Coaching educativo e intelixencia emocional e coa implantación dun Programa Escolar & Coaching para os pais. AproveitaMos o Verán é un programa para o fomento da motivación cara á actividade do estudo e o uso axeitado das técnicas que permiten acadar o éxito académico.

 

Este programa vai dirixido ao alumnado de 3º e 4º curso da etapa da Educación Secundaria Obrigatoria (escolarizados nestes niveis no curso académico 2012/2013), ou a aquel que curse algún Programa de Cualificación Profesional Inicial, e que este preferentemente empadroado no Concello de Mos.

 

O programa lévase a cabo en 15 sesións, de 90 minutos cada unha, ao longo dos meses de xullo e agosto. Estas sesións teñen lugar en  horario de mañá, de 10:00 a 11:30 h. A actividade desenvólvese nas aulas do Auditorio Multiusos As Pozas do Concello de Mos e é totalmente gratuíta.

 

Dentro da axuda concedida pola Xunta de Galicia ó Concello de Mos, tamén se emprenderon outras liñas de loita contra o abandono escolar, ademais da iniciativa mencionada, AproveiteMos o Verán. Todas elas se atopan englobadas no programa da concellería mosense de Educación e Participación Cidadá, denominado ApoiáMoste.

 

Mañás de Verán

 

Esta iniciativa vai dirixida a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. Os obxectivos das Mañás de Verán son facilitar a conciliación da vida laboral e familiar no período de vacacións escolares, promover  a calidade de vida dos nenos/as de Mos e das súas familias, potenciar a educación en valores e hábitos saudables, favorecer o coñecemento da diversidade e riqueza natural do noso entorno e facer deste proxecto unha experiencia divertida e inesquecible para os rapaces e rapazas de Mos.

 

As actividades distribuíronse en 4 quendas: a 1ª quenda foi do 1 ao 15 de xullo (ambos inclusive), a 2ª quenda comezou o 16 de xullo e rematou o 31 de xullo, a 3ª quenda foi do 1 agosto ao 16 de agosto (ambos inclusive) e 4ª quenda do 19 ao 30 de agosto (ambos inclusive).