Os nenos mosenses clausuran os Obradoiros Infantís de Entroido sendo os protagonistas dun espectáculo do programa Ocio en Familia

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A actividade titúlase “Unha viaxe polo mundo” e celebrarase o domingo ás 18.00 horas no Multiusos

A concelleira de Participación Cidadá mosense, Kely Monzón, infomou hoxe da vindeira actividade incluída dentro do programa Ocio en Familia e que leva o título de “Unha viaxe polo mundo” e terá lugar o vindeiro domingo, día 24 de febreiro, ás 18.00 horas da tarde no centro Multiusos sito nas Pozas, parroquia de Petelos.

Esta iniciativa dá continuidade ós Obradoiros Infantís de Entroido celebrados a semana pasada nos Multiusos, posto que nela intervirán os nenos e nenas participantes en ditos talleres.

“Unha viaxe polo mundo” conta a historia de como As Maimiñas deciden ir unha tarde de paseo. Sen darse conta, chegan a distintos países. En cada un deles amósanse cancións e danzas típicas (creadas polos propios cativos participantes no espectáculo). Aproveitando os obradoiros e as recentes datas de Entroido, os rapaces disfrazaranse para saír a escea coa roupa ou complementos que caracterizan cada un dos países visitados.

Os nenos están en todo momento en movemento, ben bailando ou ben seguindo e imitando as explicacións de As Maimiñas. Os pais poden acompañar durante toda a actuación ós nenos, así como participar activamente na mesma, xa que en diversos momentos soen ser requeridos para este fin. Os nenos disfrutan deste xeito ao ver implicados activamente aos seus pais. Trátase dun momento de diversión en familia.