Os xogadores do Louro xa adestran no novo céspede

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

O Campo de Fútbol de Cototorrón recibiu onte a visita da alcaldesa de Mos que acompañou aos cativos de Fútbol 8 no seu primeiro día de adestramento

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o novo concelleiro mosense de Deportes, Baldomero Lorenzo, o tenente alcalde e edil de Contratación e Facenda, Alberto Méndez, e o de Vías e Obras, Luis Alonso, visitaron onte pola tarde no Campo de Fútbol de Cototorrón aos xogadores/as de Fútbol 8 do Club Louro-Tameiga que comezaban os seus adestramentos da tempada 2017-2018. Durante a visita estivo tamén presente o presidente do clube, Patricio Farrapeira, así como outros membros da directiva e do equipo técnico.

Concretamente os representantes municipais compartiron a tarde con 40 nenos e nenas xogadores/as das categorías de Biberóns, Prebenxamíns, Benxamíns e Alevíns que xa puideron adestrar no novo terreo de xogo do campo.

O novo céspede artificial do Campo de Fútbol de Cototorrón leva instalado dende o pasado 23 de agosto, data dende a que as demais categorías do clube levan adestrando nestas instalacións deportivas da parroquia de Tameiga.

En total o Club Louro conta con 150 xogadores e xogadoras de diferentes idades e categorías para cuxo benestar durante os partidos e adestramentos era imprescindible a acometida da obra de renovación do céspede do terreo de xogo.

A substitución do céspede artificial do Campo de Fútbol de Cototorrón era moi necesaria dado que anterior céspede estaba moi envellecido e en mal estado xa que fora instalado hai máis de dez anos, e debido ao seu uso intensivo, presentaba unhas condicións de práctica que facían necesaria unha intervención para substituír dito pavimento deportivo e adecualo ás necesidades que garantiran un adecuado rendemento deportivo, evitando lesións inoportunas aos deportistas e á súa vez mellorando as prestacións deportivas do solo.

A fibra do anterior céspede presentaba un desgaste por desfibrilación moi importante, existían varias zonas do campo con reparacións moi deterioradas e as xuntas de unión dos panos da moqueta do céspede estaban moi remarcadas e despegadas, a punto de abrirse. É por elo que o estado presentaba dito pavimento podía provocar lesións nos deportistas, baixar o seu rendemento durante o desenvolvemento do xogo e dificultar a práctica do mesmo; defectos que demostraban que aquel sistema de céspede artificial instalado no Campo de Fútbol de Cototorrón rematara o seu ciclo de vida, facéndose necesaria a súa substitución, como así se fixo.

Para a acometida do proxecto de substitución do céspede artificial o Concello solicitou á Deputación de Pontevedra unha axuda de 120.000 euros con cargo ao Plan Concellos 2017.

O Campo de Fútbol de Cototorrón foi construido pola anterior Deputación no ano 2003, que no ano 2015 lle acometeu tamén unha ampliación e mellora dos vestiarios. Actualmente o campo precisaba xa da renovación do céspede artificial. Por iso, e para dar servizo e seguridade aos centos de rapaces e rapaces que usan estas instalacións deportivas, o Concello de Mos decidiu incluir esta actuación no Plan Concellos 2017 da administración provincial e solicitar unha axuda para este fin con cargo ao devandito plan.

O proxecto de substitución do céspede artificial do Campo de Fútbol de Cototorrón permitiu reemplazar o anterior céspede, moi envellecido e en mal estado, por un novo de última xeración.