Outono medioambiental en Mos destacando a importancia das Árbores Senlleiras

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Hoxe inaugurouse no Pazo de Mos unha exposición sobre os exemplares singulares da provincia

Esta mañá inaugurouse no Pazo de Mos a exposición As Nosas Senlleiras, Árbores Singulares da Provincia. No acto inaugural estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Medio Ambiente, Cándido Pérez, a deputada provincial, Eva Vilaverde Pego, e 40 nenos e nenas mosenses alumnos/as de 5º curso de Primaria do CEIP Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos).

A mostra, promovida pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos, permanecerá aberta ao público ata o día 24 de novembro. O horario de visita desta exposición é de 17.00 horas a 21.00 horas.

A exposición As Nosas Senlleiras foi deseñada no Servizo de Cultura da Deputación en colaboración coa Estación Fitopatolóxica de Areeiro. Componse de 35 paneis de pvc de 80 por 60 cm, aproximadamente, con imaxes e datos das árbores máis significativas da provincia. Inclúe tamén un mapa onde van sinaladas as árbores nos seus respectivos Concellos e outro panel sustentante de maior dimensión cun texto introductorio. O resto de paneis van colgados na parede. Estes paneis acompáñanse dunha selección de árbores pequenas, en macetas, de xeito que a mostra resulte máis atractiva e didáctica, especialmente para os nenos e nenas.

A maiores, esta mostra conleva una actividade complementaria para os cativos ao cargo de Anxo Moure e titulada Verbas do Monte, na que se pon en valor o monte, o cuidado das árbores, os seus nomes e en xeral incídese no coidado da natureza. O teatro infantil a cargo de Anxo Moure que representará Verbas do Monte (As Nosas Senlleiras) terá lugar ás 12.00 horas do domingo 18 de novembro no Pazo de Mos. Mesmos data e lugar nos que se celebrará a Gran Degustación das Xornadas Micolóxicas de Mos 2018, xa que esta exposición atópase enmarcada dentro da programación municipal que xa é toda unha tradición mosense da estación de outono.