Participación Cidadá lembra que o 23 de abril remata o prazo para as inscricións das asociacións do Concello no programa “Tempo para informarte”

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Levarase a cabo entre os meses de maio a decembro de 2014

 

A concellería de Educación e Participación Cidadá, dirixida pola edil Kely Monzón, organiza o programa “Tempo para Informarte”,ofertado ás asociacións do Concello de Mos. Dende o departamento municipal lembraron hoxe que aínda quedan prazas dispoñibles para participar, e que as asociacións interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro mércores 23 de abril.

 

Esta iniciativa formativa, complementa ó programa “Tempo de Lecer” e ten como finalidade dotar ás asociacións veciñais e culturais do municipio de competencias formativas a través de coloquios.

 

Un dos fins deste programa é dar resposta ás necesidades da poboación de aumentar os coñecementos para facilitar a adaptación ás esixencias da sociedade actual e mellorar a calidade de vida dos participantes.

 

“Os obxectivos das charlas son fomentar o asociacionismo na vida sociocultural e comunitaria, potenciar o uso de procedementos de educación non formal e informal para o aumento ou actualización de coñecementos, facilitar ás persoas de Mos a posibilidade de ocupar o seu tempo de lecer con actividades formativas adaptadas ás súas posibilidades económicas, promover a participación social entre as persoas que máis o precisen e proporcionar alternativas de formación no seu medio máis próximo” declarou a edil Kely Monzón.

 

Dentro desta iniciativa formativa a propia asociación poderá solicitar como máximo 1 charla, ofertada dentro dun listado de charlas de diversa temática, e a duración de cada sesión abranguerá entre 1 e 3 horas dependendo da temática a tratar.

 

Cada coloquio deberá contar con un mínimo de 25 persoas e un máximo establecido en proporción ó aforo das diferentes instalacións, sendo as propias asociacións as responsables de difundir a actividade e conseguir o mínimo de participantes.

 

“Tempo para Informarte” levarase a cabo entre os meses de maio a decembro do 2014, e a data e horario das charlas será elixido polas asociacións que o soliciten.

 

Este programa está dirixido a tódolos veciños/as maiores de 14 anos, empadroados no Concello de Mos ou que sexan membros dalgunha asociación inscrita neste Concello.

 

As asociacións interesadas teñen de prazo de inscrición ata ó vindeiro mércores 23 de abril para entregar no Rexistro do Concello  a solicitude de participación no programa “Tempo de Informarte” co nome das charlas que lles interesa e as datas e hora. O prazo de resposta por parte do Concello comunicándolle a admisión no programa e a charla concedida, será a partir do 28 de abril.

 

O listado entre os que se pode elixir é o seguinte: Perigos ó volante, Roubos e hurtos, O peón, Primeiros auxilios básicos, Medicina alternativa ( O parto: un pracer para a parella, descubre o teu poder persoal, cómo combater a ansiedade: remedios naturais, as flores de Bach, Nutrición eco “lóxica” e consumo responsable, Plantas medicinais e aceites esenciais para fortalecer as defensas nos cambios de estación, A osteopatía biodinámica, A nutrición deportiva, A nutrición xeriátrica, Auriculoterapia, A acunpuntura, A fitoterapia no deporte, a fitoterapia no paciente geriátrico, Qué é a naturopatía e A masaxe Shantala), Enerxía, transportes e cambio climático, Tóxicos no fogar, Medio ambiente e saúde, Medio ambiente e consumo e Aforro na cesta da compra.