Patricia Martínez remata a tempada con bos e “inesperados” resultados na competición internacional máis importante do ano

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A bailarina mosense e a súa parella, Adrián Esperón, quedaron no posto 94 do German Open Championship, celebrado en Stuttgart, no que bailaron máis de 1.500 parellas

A bailarina mosense Patricia Martínez e a súa parella, Adrián Esperón, remataron recentemente a actual tempada de competicións. Concretamente o domingo 19 de agosto regresaron da última competición da tempada e a máis importante de todo o ano a nivel internacional. Transcorreu en Stuttgart ao longo de catro días, e é coñecida como o German Open Championship onde acoden a competir máis de 1.500 parellas.

En dito campeonato Patricia e Adrián bailaron o Rising Star Standard, chegando a semifinais, un resultado calificado de “inesperado” polos propios bailaríns, xa que o nivel da competición é extremadamente alto e bailaron un total de 214 parellas.

Os dous últimos días de competición, tras longas eliminatorias, e cansazo acumulado, a mosense e a súa parella bailaron o Grand Slam Standard, no que participaron xunto coas mellores parellas a nivel mundial entre as que se atopaban campións do mundo e campións europeos. Foron un total de 307 parellas, e Martínez e Esperon acadaron o 94º posto, dando así por finalizada a súa tempada.

Como despedida de tempada, Patricia Martínez e Adrián Esperón quixeron agradecer a todas as persoas que competición tras competición os seguen dende as súas casas dándolles apoio e ánimo.

Martínez asegura sentirse orgullosa de levar o nome de Mos alá onde vai, e espera seguir facéndoo por moito tempo; e agradécelle ó Concello de Mos, á alcaldesa, Nidia Arévalo, e ó concelleiro de deportes, Isidoro Táboas, o apoio a este deporte que “pouco a pouco vai gañando a importancia que se merece”, declarou a bailarina.