Patricia Martínez trae un novo ouro para Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A bailarina mosense, unha das atletas con mellor carreira deportiva do territorio español, erixiuse o pasado 8 de decembro Campioa de España Profesional Standard 2019

 

Esta mañá celebrouse a recepción á bailarina mosense Patricia Martínez, en recoñecemento polo novo título de Campioa de España Profesional Standard 2019.

Tivo lugar no salón de sesións do Concello de Mos coa presenza da Campioa Patricia Martínez, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Begoña Toucedo, concelleira de Deportes, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura, demais membros do equipo de goberno local e demais membros da Corporación Municipal.

Con este, Patricia suma 15 títulos de Campioa de España de Baile Deportivo: 14 en categoría Amateur e este último, o primeiro, en categoría Profesional.

O Campionato de España Profesional Standard 2019 desenvolveuse en Guadalaxara durante o Spanish Open, concretamente o domingo 8 de decembro.

O día anterior, o sábado 7 de decembro, Martínez e a súa parella de baile disputaron en Ferrara, Italia, unha competición internacional onde conseguiron o 5° posto na final. Grazas a ese 5º posto sumaron os puntos suficientes para clasificarse dentro das 20 mellores parellas do mundo segundo o ranking mundial.

Actualmente en España a Categoría Profesional está formada por 3 parellas da Modalidade Standard e 5 parellas da Modalidade Latinos. Sobre a súa participación no Campionato nacional a bailarina mosense declarou que “a pesar de que bailar o Campionato de España non estaba nos nosos plans, xa que só levamos 4 meses bailando, pero como a Federación insistiu moito na nosa participación, finalmente decidimos participar, e pola miña banda foi moi gratificante volver bailar no meu país e máis aínda volver traer o ouro para Mos”.

Patricia Martínez é unha das atletas con mellor carreira deportiva do territorio español.