Pereiras celebra como cada ano a súa programación lúdica “Terra Cultural”

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Consta de actividades para tódalas idades e gustos

 

A Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras organiza, coma tódolos anos, a programación festiva “Terra Cultural”, con actos moi variados para o disfrute de persoas de todas as idades.

 

Mañá pola tarde dende as 19.00 horas ata as 22.30 horas sucederanse os seguintes actos: VI Certame de Corais coa participación da Coral Voces Brancas de Cela, Coral Polifónica de Cela e Coral Polifónica de Atios; proxección do vídeo IV Kedada BTT Nosa Terra e Inestabile Teatro Xerpo coa obra Commedia Inestabile.

 

O domingo 30 de novembro ás 18.00 horas celebrarase un gran sorteo de premios e proxectarase a película infantil ‘Aviones, equipo al rescate’.

 

O venres, día 5 de decembro, tamén en horario de 19.00 horas a 22.00 horas, os asistentes a Pereiras poderán disfrutar, na seguinte orde, da película infantil Operación cacahuete, e dos concertos dos grupos Chavellos Folk e Pés na Rúa.

 

O sábado 6 de decembro o programa de actos iniciarase ás 16.00 horas e prolongarase ata as 22.00 horas coas seguintes actividades nesta orde: Campionato de Chave, animación infantil con Nati e Nieves, proxección do vídeo Play Back Nosa Terra 2014, Teatro de Matamá coa obra A visión dun cego e Érika Porto, as novas xeracións teñen talento.

 

O domingo 7 de decembro as actividades comezan pola mañá e ás 09.00 horas partirá unha ruta de sendeirismo polos montes de Pereiras. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, haberá un concurso de repostería e licores e, para rematar, ás 18.00 horas, os cativos poderán ver a película Maléfica. Tamén se celebrará un sorteo de premios.

 

O luns 8 de decembro os actos desenvolveranse de 15.00 horas a 20.00 horas do seguinte xeito: primeiro Campionato de Tute e Brisca, logo proxección do vídeo de Entroido Nosaterrix de Peregalia, seguidamente actuación do Mago Marco co espectáculo Por arte de maxia e, para rematar, monólogo do coñecido monologuista da TVG, Fredi Cruxer.

 

O último día de actividades da “Terra Cultural” será o sábado 20 de decembro, data na que se exporán os traballos realizados nas actividades impartidas na Asociación e, en horario de 19.00 horas a 21.30 horas, realizaranse exhibicións de cursos e bailes, servirase un aperitivo para os socios e socias e actuarán as pandereteiras As Lagharteiras. Ese día tamén se entregarán os agasallos pola participación nos concursos de debuxo, Campionato de Chave e Tute e sortearanse cestas de Nadal para os socios.