Pereiras prepárase para acoller a III Kedada BTT Nosa Terra

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Celebrarase o vindeiro domingo, día 27 de outubro

O vindeiro domingo, día 27 de outubro, celebrarase nos montes de Pereiras e arredores a terceira edición da Kedada BTT Nosa Terra coa colaboración da Asociación de Veciños Nosa Terra.

 

A saída está convocada para as 09.30 horas da mañá do Local Social Os Castros, sede da AVV. Nosa Terra, con previsión de chegada á meta tres horas e media despois, ás 13.00 horas do mediodía. O percorrido total da proba é de algo máis de 30 kilómetros, chegando a superar nalgún tramo os 600 metros de altitude.

 

A dificultade da marcha é media-alta, require a utilización de casco obrigatorio, e vai dirixida a maiores de 18 anos; aínda que os mozos de 15 a 17 anos que queiran participar poderán facelo con autorización por escrito dos seus pais ou titores.

Dado o éxito de edicións anteriores, ano a ano vanse sumando novos adeptos ao deporte de dúas rodas, polo que este ano agárdase superar a cifra de 700 participantes na ruta. Debido a isto, dende a organización deste evento deportivo recoméndase que os interesados en participar no mesmo se preinscriban enviando un correo electrónico ó enderezo avvnosaterra@yahoo.es para asegurar o avituallamento e participar nos sorteo de agasallos.

 

Aínda que a participación nesta proba é totalmente gratuíta, este ano preténdese colaborar coa campaña AlimentaMos, polo que tódolos participantes poderán colaborar coa aportación dun kilo de alimento non perecedoiro.

 

A proba contará con servizo de lavado de bicis e duchas para os que o precisen e un amplo aparcadoiro para tódolos asistentes.

 

Os interesados en obter máis información sobre esta III Kedada BTT Nosa Terra de Pereiras poden visitar a páxina do Facebook www.facebook.com/KedadaBttNosaTerra ou ben chamar por teléfono ó 617 370 715.