Pilar Arjones, a avoa de San Rafael, cumpriu 100 anos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A Asociación de Veciños organizoulle unha festa homenaxe polo seu centenario

 

O pasado sábado, día 21 de decembro, Pilar Arjones Martínez, a avoa de San Rafael de Pereiras, cumpriu 100 anos e os seus veciños e veciñas da urbanización de San Rafael, na parroquia de Pereiras, quixeron homenaxeala polo seu aniversario cunha festa no local social da Asociación de Veciños, á que acudiron tamén o concelleiro da parroquia, Leo Costas, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

Tratouse dunha emotiva celebración na que Pilar estivo rodeada de familiares, amigos e veciños, ademais das súas dúas fillas, Purificación Rodríguez Arjones e María Isabel Rodríguez Arjones, dos seus catro netos e das súas dúas biznetas.

A A.V.V. San Rafael de Pereiras encargouse da organización deste emotivo encontro de celebración, homenaxe a Pilar Arjones polo seu centenario. No evento festivo participaron artistas do barrio como Tamara Casal xunto ao seu “Coro Sentimento”, o grupo de ‘Comercial Dance’ da Asociación “DanzaMos” e a cantante Antía Caride, xunto ao guitarrista Juan Caride. Despois das actuacións proxectouse un vídeo, realizado polas súas netas, sobre a vida da homenaxeada con felicitacións de xente do barrio.

As súas fillas definen a Pilar Arjones como “unha persoa moi bondadosa, sempre disposta a axudar aos demais; a nosa casa era a casa de todos”, din. Destacan da súa nai que “no barrio todo o mundo a coñece e a quere, sempre foi unha muller moi activa e moi tenaz”. Tanto é así que, en 1979, con 60 anos de idade, sufriu un ictus que a tivo 3 meses hospitalizada e 2 anos de rehabilitación; e tras o que tivo que aprender a camiñar e a falar de novo. Pero logrouno, recuperou ao 100% grazas á súa tenacidade, e agora ven de cumprir 100 anos co mellor dos seus sorrisos.

Pilar Arjones Martínez é natural de Pías, Ponteareas. De moi nova trasladouse a Vigo para traballar na Etea e máis tarde a Ferrol. Logo regesou e traballou na parroquia mosense de Sanguiñeda, onde coñeceu ao seu actual marido (natural da devandita parroquia), Manuel Rodríguez Fontán, de 92 anos. Tras casarse viviron unha tempada en Sanguiñeda e durante eses anos Pilar e Manuel tiveron que lamentar o duro trance de perder ao seu primeiro fillo durante o parto. Logo chegaría a segunda, Purificación, tras cuxo nacemento se trasladaron a vivir ao barrio de San Rafael en Pereiras, onde naceu a súa filla María Isabel e onde seguirían vivindo ata a acrualidade e continúan a día de hoxe. Son unha familia moi querida no barrio, familia que en breve se ampliará porque ven de camiño o terceiro bizneto de Pilar.