Prácticamente rematadas as melloras realizadas por Medio Rural en tres importantes viais de Mos a petición do Concello

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A Xunta de Galicia financiou as obras nos camiños de Portela, Quimada e Carrascal, nas parroquias de Torroso, Tameiga e Dornelas, respectivamente

 

Xa se atopan prácticamente rematadas as obras de mellora de tres importantes viais mosenses que foron asumidas con cargo ó programa da consellería de Medio Rural, PEIM Rural 2012. Ditos traballos, que, como se dixo, son financiados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da consellería de Medio Rural e do Mar, consisten no asfaltado de tres camiños que viñan sendo demandados pola veciñanza dende fai tempo, por un importe total de case 70.000 euros.

 

As obras que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural está a acometer en Mos con cargo ó PEIM Rural 2012 e que xa se atopan prácticamente finalizadas son a mellora da capa de rodaxe dos camiños de Portela, na parroquia de Torroso, de Quimada en Puxeiros, parroquia de Tameiga, e do Carrascal na parroquia de Dornelas. Unha vez recepcionadas estas obras, o Concello de Mos deberá encargarse do mantemento e conservación das mesmas; dado ademais que os camiños obxecto da actuación que se está a realizar son de titularidade municipal.

 

Para confirmar que estes traballos marchaban segundo ó previsto, desprazáronse esta mañá a pé de obra a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o edil de Vías e Obras, Alberto Méndez; visitando os tres camiños: Portela, Quimada e Carrascal.

 

Neste sentido, o concelleiro Alberto Méndez declarou o seu agradecemento para coa Xunta de Galicia “por atender as necesidades en infraestruturas rurais que ten este Concello e asumir as obras de mellora e conservación destes tres camiños moi utilizados polos veciños de sendas parroquias, que ademais redundan no incremento da seguridade vial na rede viaria rural deste municipio”.

 

E é que os tres camiños obxecto deste proxecto de mellora atopábanse en mal estado de conservación, co firme irregular, estragado e con ancho insuficiente para garantir a seguridade vial do tráfico tanto rodado coma peonil cara ás explotacións agropecuarias e ós núcleos poboacionais das respectivas zonas nas que se atopan ubicados. Os tres camiños, tal e como se mencionou anteriormente, son de titularidade municipal, o asfaltado co que contaban ata o de agora databa de fai máis de 15 anos, e posúen servizos de electricidade, rede de sumidoiros e telefonía.