Preto de 250 mosenses participarán durante xullo e agosto nas actividades deportivas do programa Actívate no Verán

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Esta mañá deron comezo as clases de ximnasia na auga para adultos e natación para nenos na piscina ao aire libre de San Eleuterio

 

Cheo absoluto das actividades deportivas programadas para os meses de xullo e agosto dentro da iniciativa municipal Actívate no Verán. Esta mañá comezaron as clases de ximnasia na auga para adultos e natación para cativos na piscina ao aire libre de San Eleuterio, onde os monitores estrearon xa os seus novos uniformes coa mascota de Deportes de Mos deseñada por Marta Barciela Collazo, gañadora do concurso convocado a tal fin. E mañá mércores, iniciaranse as actividades de ximnasia monitorizada en elementos biosaludables e andainas polos diferentes parques do municipio, sendo a primeira sesión no Parque de Torroso.

 

Os cursiños de natación ao aire libre para os máis cativos durante os meses de xullo e agosto na Piscina de San Eleuterio impártense todos os martes e xoves en horario de 11:45 horas a 12:30 horas e van dirixidos a nenos e nenas de 4 a 14 anos de idade. Nestes cursiños é necesaria inscrición previa xa que as prazas dispoñibles son limitadas.

 

As clases de ximnasia na auga durante os meses de xullo e agosto dirixidas á poboación en xeral celébranse tamén os martes e xoves, en horario de 11:00 horas a 11:45 horas na piscina ao aire libre de San Eleuterio. As prazas tamén son limitadas e a inscrición previa necesaria.

 

As andainas e outras actividades deportivas a desenvolver durante os meses de xullo e agosto dirixidas á poboación en xeral realízanse os mércores e venres a partir das 10 da mañá nos diferentes parques do municipio comezando polo parque de Torroso.

 

En total participan nas actividades durante o presente mes de xullo 82 persoas entre adultos e nenos/as, das cales 62 están inscritas nas actividades da piscina de San Eleuterio (ximnasia na auga e natación) e as 20 restantes inscribíronse nas actividades a realizar nos parques, consistentes en andainas e exercizos nos elementos biosaudables.

 

En agosto as cifras repetiranse sumando novamente 82 o total de usuarios e usuarias destas actividades (pero son diferentes persoas que no mes de xullo) polo que ao final do verán terán participado nestas dúas iniciativas 164 persoas.

 

O programa deportivo Actívate no Verán iniciouse o pasado 2 de maio con clases de Zumba ao aire libre. O curso de zumba desenvólvese durante os meses de maio, xuño e xullo todos os martes e xoves en horario de 21:00 horas a 22:00 horas no parque de Costoias, na parroquia de Tameiga. Esta actividade vai dirixida á poboación en xeral e para participar non é necesaria inscrición previa. En zumba están a participar unhas 60 persoas, polo que sumadas ás 164 das actividades na piscina e nos parques, a cifra total de participantes en Actívate no Verán ascende a 224 veciños e veciñas de Mos.

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Deportes mosense explicaron que “Actívate no Verán foi ideado e deseñado como un programa deportivo alternativo dotado de actividades na piscina de San Eleuterio tales coma ximnasia na auga adaptada a tódalas idades, cursiños de natación para nenos/as e, nos distintos parques biosaudables existentes no Concello de Mos, clases dirixidas e titorizadas impartidas empregando os diferentes elementos destes parques, así coma a realización de andainas colectivas aproveitandos os diversos sendeiros e sendas existentes no termo municipal mosense para darlle continuidade ao longo da tempada estival ao programa deportivo Exercítate, dirixido á terceira idade, que se imparte de setembro a xuño”.