Protección Civil de Mos busca voluntarios

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Onte celebrouse unha Asamblea Xeral na que se abordou a captación de novos membros

 

Onte celebrouse nas dependencias do Servizo Municipal de Emerxencias a Asamblea Xeral da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

 

Nesta asamblea fixáronse as directrices a seguir polos membros da Agrupación ó longo do presente ano 2013. Ademais espúxose a intención de intentar captar máis voluntarios durante este ano e presentouse o novo vehículo adquirido para dar servizo á Agrupación. Actualmente Protección Civil de Mos conta cun total de 18 voluntarios que esperan poder ampliar no 2013.

 

Á Asamblea Xeral da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos celebrada onte asistiu a concelleira delegada, Julia Loureiro, ademais dos 18 membros do grupo, entre os que se atopaban o seu presidente, Santiago Iglesias Fernández, o secretario e os dosu vocais; e o encargado do Servizo Municipal de Emerxencias, Rodrigo Iglesias, que tamén é voluntario de Protección Civil.

 

Durante a reunión de onte a edil Julia Loureiro trasladoulles ós integrantes do grupo de Protección Civil a máxima colaboración por parte do Concello de Mos e animounos a presentarlle á administración local todo o tipo de suxerencias e iniciativas que consideren que poden mellorar o servizo.

 

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil mosense ten a súa base asentada no parque do Servizo Municipal de Emerxencias, situado no Camiño da Freixa en Veigadaña, parroquia de Petelos. O servizo de Voluntarios de Protección Civil traballa coordinado co Servizo Municipal de Emerxencias, xa que as funcións desenvolvidas por Protección Civil consisten en intervencións relacionadas con urxencias que van dende accidentes en estradas, incendios tanto forestais como urbanos; ata rescates de animais, asistencia ante desperfectos causados por condicións meteorolóxicas extremas como temporais de vento e choiva, etc.

 

Os voluntarios que forman parte dos servizos de Protección Civil participan en todas estas actividades dun xeito desinteresado e social durante o seu tempo libre.