Protección Civil de Mos recibe no 2013 10.000 euros de axuda municipal

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A Agrupación mosense conta xa con 21 voluntarios

 

O Concello de Mos leva a aprobación á Xunta de Gobeno Local que se celebra esta tarde a conta xustificativa e concesión de axuda de 4.203,26 euros a favor da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil mosense que se integra dentro da subvención total anual de 10.000 euros que a administración local lle aporta a Protección Civil de Mos no presente ano 2013.

 

Esta axuda destínase ós gastos derivados do funcionamento diario da Agrupación tales coma adquisición e mantemento de vehículos especializados, compra de material, vestiario, pago de seguros, etc.

 

Actualmente Protección Civil de Mos conta cun total de 21 voluntarios. O presidente da Agrupación é Santiago Iglesias Fernández.

 

A edil mosense responsable da Agrupación de Voluntarios é Julia Loureiro, quen, con motivo da concesión desta axuda, trasladoulles ós integrantes do grupo de Protección Civil a máxima colaboración por parte do Concello de Mos e animounos a presentarlle á administración local todo o tipo de suxerencias e iniciativas que consideren que poden mellorar o servizo.

 

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil mosense ten a súa base asentada no parque do Servizo Municipal de Emerxencias, situado no Camiño da Freixa en Veigadaña, parroquia de Petelos. O servizo de Voluntarios de Protección Civil traballa coordinado co Servizo Municipal de Emerxencias, xa que as funcións desenvolvidas por Protección Civil consisten en intervencións relacionadas con urxencias que van dende accidentes en estradas, incendios tanto forestais como urbanos; ata rescates de animais, asistencia ante desperfectos causados por condicións meteorolóxicas extremas como temporais de vento e choiva, etc.

 

Os voluntarios que forman parte dos servizos de Protección Civil participan en todas estas actividades dun xeito desinteresado e social durante o seu tempo libre.