Recepción no Concello de Mos ao Campión Galego de Fullcontact, Alberto Simón

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O mosense fíxose con dous campionatos galegos en dous meses

Esta tarde celebrouse no Concello de Mos a recepción ao deportista mosense Alberto Simón, en recoñecemento polo título de Campión Galego de Fullcontact, acadado o pasado 30 de novembro. Simón acudiu acompañado por Juan Alonso, seu adestrador e do clube Kick Boxing Mos, ao acto homenaxe no que estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Camilo Augusto, tenente alcalde de Mos, demais membros do equipo de goberno local e demais membros da Corporación Municipal.

O seu adestrador, Juan Alonso, define a Alberto como “un mozo moi disciplinado” e está convencido de que “seguirá cultivando títulos”.

 

Alberto, con tan só 20 anos, erixiuse novo Campión Galego de Fullcontact no Concello de Miño, en A Coruña, o sábado 30 de novembro.

 

Alí o púxil mosense, adestrado por Juan Alonso, disputou a final do Campionato Galego de Fullcontact contra Arias Maira. Alberto gañou o combate por decisión unánime dos xuíces, e puido facerse así co tan ansiado Cinto de Campión Galego.

 

Alberto Simón está en racha logrando dous títulos de Campión Galego e 1 de Subcampión en pouco máis de dous meses. Xa que, cabe destacar, que o 21 de setembro conseguía outro título de campión galego na modalidade de Kickboxing, e un subcampionato galego na modalidade de K1.

 

O sábado 21 do mes de setembro Alberto Simón conseguiu vencer ao púxil Erik Saúl do ximnasio Simón de Vigo, erixíndose Campión Galego de Kickboxing (lowkick).

 

Tamén naquela ocasión o Campionato Galego de Kickboxing tivo lugar no Concello de Miño (A Coruña). Tras tres duros asaltos, o púxil mosense alzouse coa vitoria.

 

O clube no que compite Alberto Simón e que é adestrado por Juan Alonso, Kick Boxing Mos, é un dos poucos clubes de Galicia que compiten en todas as modalidades: Kickboxing, K1, Full Contact e Muaythai. Nesta última non podendo disputar as finais por non ter rivais no seu peso. O equipo mosense adestra no ximnasio Jovhen Sport do Porriño.