Rematada a mellora do firme en dous tramos de Generoso Domínguez

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

A obra está íntegramente subvencionada polo Plan de Infraestruturas Rurais da Xunta

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense da parroquia de Cela, Gonzalo Alonso, visitaron a semana pasada as obras de mellora do primeiro tramo da Estrada Generoso Domínguez, que transcorre pola zona da Igrexa de Cela, desde o cruce de Telmo Estévez ata o cruce de Alcalde González Ballesta. Tanto este primeiro tramo como o segundo xa se atopan rematados.

O primeiro finalizouse o pasado venres e o segundo tramo, que vai desde o barrio do Coto en Cela ata A Baxiña na parroquia de Tameiga, pasando por Pereiras, quedou tamén acabado onte.

Esta mellora do firme en dous tramos da Estrada Generoso Domínguez súmase ao Plan Anual de Camiños Municipais do Concello de Mos.

Como se dixo, os tramos optimizados son os de Generoso Domínguez ao seu paso polas parroquias de Cela e Pereiras. O de Generoso Domínguez é un vial de gran importarcia na localidade mosense xa que transcorre por tres parroquias: Cela, Tameiga e Pereiras; conectando numerosos núcleos poboacionais e concentrando unha notable densidade de tráfico de turismos.

O orzamento da obra ascende a 40.000 euros máis IVE. A Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, a través do PIR (Plan de Infraestruturas Rurais) financia íntegramente os traballos, que se encargou tamén de licitar e executar; correndo a cargo do Concello de Mos a redacción do proxecto de obra.

En total a Consellería do Medio Rural leva investidos, en pouco máis de tres anos, preto de 200.000 euros nos camiños do municipio mosense co obxectivo último de aumentar a mobilidade dos veciños e, polo tanto, mellorar a súa calidade de vida.

Posto que o Concello de Mos ten como obxectivo que o viario municipal se atope nas mellores condicións de uso, o que supón un garante na seguridade viaria, cada ano realiza un Plan Anual de Mellora de Viais Municipais acometendo unha batería de asfaltados de estradas e camiños.