Rematadas as melloras realizadas por Medio Rural en tres importantes viais de Mos a petición do Concello

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A delegada territorial da Xunta de Galicia visitou hoxe Mos para comprobar in situ o resultado das obras

 

A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizou esta mañá unha visita ás obras acometidas no municipio de Mos no marco do Plan Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM 2012). A delegada estivo acompañada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, polo xefe territorial de Medio Rural, Gerardo Zugasti, o concelleiro de Vías e Obras mosense, Alberto Méndez e outros concelleiros do equipo de goberno local.

 

Durante esta visita Bravo Bosch puido ver rematadas as obras de mellora de tres importantes viais mosenses que foron asumidas con cargo ó programa da consellería de Medio Rural, PEIM Rural 2012. Ditos traballos, que, como se dixo, foron financiados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da consellería de Medio Rural e do Mar, consistiron no asfaltado de tres camiños que viñan sendo demandados pola veciñanza dende fai tempo, por un importe total de case 70.000 euros.

 

Ditas obras xa finalizadas consistiron na mellora da capa de rodaxe dos camiños do Portelo, na parroquia de Torroso, das Quinadas en Puxeiros, parroquia de Tameiga, e do Carrascal na parroquia de Dornelas. Cada un destes tres camiños da servizo a un gran número de vivendas.

 

A partir de agora o Concello de Mos deberá encargarse do mantemento e conservación destas actuacións, dado ademais que os camiños mellorados son de titularidade municipal.

 

Neste sentido, o concelleiro Alberto Méndez declarou o seu agradecemento para coa Xunta de Galicia “por atender as necesidades en infraestruturas rurais que ten este Concello e asumir as obras de mellora e conservación destes tres camiños moi utilizados polos veciños de sendas parroquias, que ademais redundan no incremento da seguridade vial na rede viaria rural deste municipio”.

 

E é que os tres camiños obxecto deste proxecto de mellora atopábanse en mal estado de conservación, co firme irregular, estragado e con ancho insuficiente para garantir a seguridade vial do tráfico tanto rodado coma peonil cara ás explotacións agropecuarias e ós núcleos poboacionais das respectivas zonas nas que se atopan ubicados. Os tres camiños, tal e como se mencionou anteriormente, son de titularidade municipal, o asfaltado co que contaban ata o de agora databa de fai máis de 15 anos, e posúen servizos de electricidade, rede de sumidoiros e telefonía.