Reordenación do tráfico en San Rafael para mellorar a circulación de vehículos e peóns

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A Policía Local mosense deseñou o proxecto que se espuxo nunha reunión celebrada a petición da propia veciñanza do barrio da parroquia mosense de Pereiras, que tamén solicitara o plan de reforma do tránsito rodado

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto co xefe da Policía Local mosense, Gerardo Álvarez, espuxeron a semana pasada no local da Asociación de Veciños de San Rafael-Pereiras, acompañados do concelleiro de Vías e Obras, Luis Alonso, e outros membros do equipo de goberno local, o proxecto de reforma e reorganización do tráfico no devandito barrio.
Este proxecto de reorganización do tránsito rodado en San Rafal foi deseñado polo equipo de axentes do departamento da Policía Local. A reunión, celebrada na tarde do pasado xoves 5 de xullo, foi moi demandada polo colectivo de veciños/as e usuarios/as dos viais de San Rafael.
O armazón de rúas do barrio de San Rafael presenta non poucas dificultades para o tráfico rodado e o Concello acometerá a reorganización desta área que conta cunha gran poboación e atópase próxima a distintos nós de conexión viaria.
A petición para reordenar o tráfico parte da propia veciñanza de San Rafael e, tras estudar as particularidades do barrio e a súa singularidade, por parte da Policía Local optouse por cambiar o sentido da circulación nunha serie de rúas e noutras sinalizarase ou suprimirase a zona de aparcadoiro, debido a que, como se apunta desde a Xefatura da Policía Local, “é un barrio en que viven moitas persoas maiores e que ten unha baixa protección do espazo público”.
O obxectivo das modificacións é, ademais de preservar o espazo público naqueles lugares nos que pode estar ameazado, simplificar a circulación, evitar percorridos innecesarios e minimizar o risco de accidentes, así como sinalizar os pasos de peóns.