Repartidas as primeiras 1.000 mascarillas en Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Ao longo da xornada de hoxe entregáronse a domicilio 1.039 do total de 15.000 unidades que o Concello dará á veciñanza sen que esta teña que saír da súa casa

Hoxe entregáronse en Mos, entre as 10 parroquias mosenses, as primeiras 1.039 mascarillas do total de 15.000 unidades que o Concello repartirá entre os seus habitantes.

A entrega realizada durante a xornada de hoxe en domicilios das diferentes parroquias foi levada a cabo por membros da Policía Local, Servizo Municipal de Emerxencias, Protección Civil de Mos, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e concelleiros e concelleiras do goberno local, traballadores/as municipais e voluntarios/as que decidiron colaborar coa administración local durante a presente crise do COVID-19.

Ao longo dos vindeiros días e semanas continuará este programa de entrega domiciliaria ata completar o reparto das 15.000 unidades que garantirán que non haxa ninguén sen mascarilla en Mos.

Desde o inicio da presente crise sanitaria a administración local mosense leva repartido un total de 2.180 mascarillas. Material que xa foi distribuído entre o persoal máis exposto ao virus durante a súa xornada laboral como son as os/as traballadores/as do Servizo de Axuda no Fogar, os/as axentes da Policía Local de Mos, Servizo Municipal de Emerxencias, voluntarios/as da Agrupación de Protección Civil, persoal de limpeza, e os profesionais mosenses que están a prestar servizos de primeira necesidade e traballando cara ao público (alimentación, panaderías, farmacias, estancos…) e que están a sufrir a carencia destes elementos de protección.

Ademais Garda Civil, Policía Local e Protección Civil de Mos realizaron tamén un reparto controlado de mascarillas entre a poboación en tránsito cara ao seu posto de traballo. Este material repartiuse desde ás 06.30 horas da mañá e distribuiuse ao igual que se fixo en moitos outros puntos do territorio nacional. No municipio mosense fíxose nas entradas a centros onde se poden aglomerar un gran número de traballadores como a rotonda Puxeiros e a rotonda da saída da estrada N-550 que dá acceso ao Polígono Industrial de Veigadaña.

Ademais desde o Concello de Mos traballouse duro para conseguir 15.000 mascarillas e repartilas a domicilio a todos e cada un dos habitantes do municipio. Repártense a domicilio para evitar que a veciñanza teña que saír da casa e as conseguintes colas de recollida.

A alcaldesa mosense Nidia Arévalo, declarou sentirse “moi preocupada porque todos/as os/as veciños/as saian á rúa protexidos no momento no que se poida rematar o confinamento, por iso quixemos ser previsores e preparar a entrega con tempo porque, aínda que temos semanas por diante, precisamos tempo para poder entregar as 15.000 unidades por todas as rúas, camiños, barrios e parroquias de Mos. Todos os habitantes mosenses recibirán a súa, aínda que deben ter paciencia porque o reparto é progresivo e paulatino”.

Así mesmo infórmase de que, dado a escasez de existencias, resultou bastante complicada a obtención das 15.000 mascarillas para os 15.000 habitantes de Mos:

– Precisáronse 3 bobinas de tea homologada: 2 bobinas foron adquiridas polo Concello nunha empresa especializada e 1 bobina foi doada pola devandita empresa, Tecfilter.

Trátase do mesmo textil que se emprega para a confección das mascarillas FFP2. Esta media filtrante está catalogada como ISO e PM1 80% segundo a ISO 16890 ou F9 segundo a 779:2012. É a que se utiliza nos filtros de ventilación de salas, na etapa inmediatamente anterior ás etapas HEPA – ULPA. Elixiuse esta media por ser unha media sintética, xa que a media utilizada en fíltros HEPA- ULPA é unha media fabricada en microfibra de vidro e que produce irritación de pel e mucosas, non compatible no seu uso para a fabricación de máscaras. Esta media ISO e PM1 80% , está certificada para un grao de retención do 95 % para partículas comprendidas entre 0,3 e 10 micras.

– Son confeccionadas nunha empresa mosense do sector textil.

Trátase de Granlei, do empresario e veciño de Mos, Camilo Grandal, que ademais de ter doado xa unha cantidade importante de mascarillas, tamén fabrica agora este pedido, tras ter comprobado o bo traballo nas mascarillas previamente confeccionadas para a doazón.

– O Concello mercou unha máquina de ozono para poder esterilizalas e ionizalas antes de repartilas. Dúas máquinas de ozono incorporáronse para a desinfección de dependencias e vehículos municipais (unha adquirida polo Concello de Mos e a outra lle foi doada a Protección Civil de Mos), ademais de usalas tamén para a esterilización das 15.000 mascarillas.

Embólsanse unha a unha antes da súa entrega.

– O reparto domiciliario a cargo de realízase seguindo escrupulosamente o Padrón municipal.

– Entregando en cada casa o número exacto de mascarillas, coincidindo co número de persoas empadroadas nesa dirección.

A este respecto a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, declarou que, “a pesar de que non é responsabilidade nin competencia municipal, desde esta administración local quixemos volcarnos nesta causa porque consideramos que todo esforzo é pouco pola seguridade e a saúde dos nosos veciños e veciñas nestes intres de crise sanitaria que estamos a vivir”.

E concluiu insistindo en que “dada a escasez deste material sanitario de protección individual, desde o Concello tivemos que inxeniárnolas e, a través desta gran cadea de producción, lograr obter o tan ansiado e codiciado nestes días producto final, de xeito que finalmente conseguimos que os 15.000 veciños/as de Mos poidan ter as súas respectivas 15.000 mascarillas”.