Retrásase a entrega polo extravío das 2.000 mascarillas infantís doadas por Rodavigo ao Concello de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

– O material dirixido á poboación mosense de 3 a 14 anos debería ter saído onte por correo postal cara aos domicilios dos seus beneficiarios/as, pero a empresa doante aínda non as recibiu e descoñece o seu paradeiro

– O Director Xeral, Nazario Correa, está realizando todas as xestións necesarias para que a mercadoría chegue o antes posible, pero a alta demanda deste tipo de productos aumentou as dificultades para a importación en xeral e deste tipo de productos tan necesarios en especial

As 2.000 mascarillas infantís FFP2 doadas pola empresa Rodavigo a través da iniciativa Pulso Solidario ao Concello de Mos e que ían ser repartidas onte entre os nenos e nenas mosenses de 3 a 14 anos atópanse en paradeiro descoñecido, así o comunicaba onte o Director Xeral da Empresa, Nazario Correa. Hoxe día 5 de maio é festivo en China, país de orixe do envío, así que mañá esperan poder confirmar o estado do mesmo.

As mascarillas tiñan que ter saído onte, luns 4 de maio, por correo postal cara aos domicilios da poboación mosense con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos de idade, tal e como anunciara a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o pasado 26 de abril. Se ben, non puido ser así, xa que o pedido de Equipos de Protección Individual, EPIS, realizado por Rodavigo, (entre o que se atopan as 2.000 mascarillas para Mos, outras 1.500 mascarillas máis, e un lote de termómetros), e que tiña que ter sido recepcionado pola empresa o pasado venres 1 de maio, atópase retido nalgún lugar indeterminado e descoñecido.

O empresario mosense está realizando as xestións necesarias para poder recepcionar –e posteriormente distribuír- a mercadoría coa maior brevedade posible (una situación que non é nova desde que se desatou a crise do COVID-19, segundo el mesmo indica); sen embargo sí ten confirmación do proveedor de que o pedido saiu e enviouse en tempo e forma. Ademais da información que poderá coñecerse mañá por parte da empresa loxística que tramitou o envío, a empresa Rodavigo está tramitando xa un novo pedido para garantir poder repartir as 2.000 mascarillas infantís, tal e como se comprometera co Concello de Mos. En todo caso, desde Rodavigo, confían en poder contar xa a semana que ven coas masacarillas infantís inicialmente encargadas.  Ante esta situación Arévalo, rexedora local mosense, remitiu tamén hoxe unha carta á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, para interesarse pola recepción das mascarillas e demais EPIS adquiridos pola empresa Rodavigo.

Nazario Correa informa a este respecto de que “esta situación está a ser habitual con todas as importacións que realizamos desde Rodavigo, tanto de EPIS como doutro tipo de material, desde que se desatou esta crise do COVID-19″. Correa explica que “todos os nosos pedidos veñen por avión e nun prazo de 24, 48, 72 horas e como máximo unha semana, tendo en conta o estado de alarma, deberiamos recibilos; pero non está a ser así. Estamos a sufrir multitude de trabas, entre elas o requerimento de documentación que xa fora presentada desde o principio e moitas outras complicacións deste tipo, tanto para a saída como para a recepción da mercadoría”. E advirte de que as trabas intensifícanse cando se trata da importación de EPIS para a venda ou distribución a outras empresas.

O Director Xeral de Rodavigo, Nazario Correa, manifesta así mesmo a súa preocupación ante este último pedido, que xa está pagado e con toda a documentación relativa ao mesmo presentada perante as administracións públicas competentes ao respecto. Correa está convencido de que o desabastecemento de EPIS e outros productos de protección ante o COVID-19 é debido ás dificultades e controis que se poñen para traer este tipo de material desde o estranxeiro, sumado ao aumento da demanda como consecuencia da pandemia, pero mantén que a empresa está facendo todo o posible para que as mascarillas infantís estean canto antes á disposición do Concello de Mos.