Reunión telemática co colectivo mosense de asociacións culturais, grupos de música e baile e artistas e músicos locais

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Ás 20.00 horas comezou a reunión telemática co colectivo mosense de asociacións culturais, grupos de música e baile e artistas e músicos locais.

Tratáronse fundamentalmente dúbidas das agrupacións sobre os ensaios, que de momento non van ser viables sobre todo no caso da Banda de Música Xuvenil de Torroso que conta con 50 músicos/as integrantes e das corais mosenses, integradas por persoas maiores que son colectivos de risco ante o COVID-19. Polo tanto acordouse que os ensaios retomaranse a longo prazo.

As Rondallas, tamén moi numerosas en número de integrantes, permanecen á expectativa sobre a súa situación, dado que as súas actuacións non comezan ata o Nadal.

Os eventos que estaban programados a curto prazo tales como os da Xuntanza de Palilleiras e a Festa da Empanada, non se realizarán. Aínda que as agrupacións xa están reinventándose e buscando alternativas tales como unha “palillada virtual”, no caso da Asociación de Palilleir@s de Mos.

Dado que o Concello de Mos organiza a meirande parte da súa programación cultural contando con grupos locais, este proceso de reinventarse e buscar alternativas farase da man entre administración local e agrupacións. Os diferentes grupos presentes na xuntanza desta tarde xa lle suxeriron ao Concello que teña en conta a posibilidade, cando se poida facer ese tipo de accións, de organizar concertos e diferentes actuacións ao aire libre con aforo moi limitado.