Robo de gasoil

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Grazas ao aviso dun particular afectado polos roubos de gasóleo que nos últimos días estaban a producirse, conseguiuse deter a dúas persoas presuntamente implicadas nestes feitos delituosos.
Tras recibir o aviso, axentes da Policía Local, solicitan o apoio da Garda Civil de Mos para seguir ao vehículo ocupado polos sospeitosos, do que se pescuda que figura como roubado. Seguindo as indicacións do alertante, aproxímanse ao lugar onde se atopaba o vehículo estacionado, que nese momento emprende a fuga, tras un intento errado por parte da Garda Civil de impedir a súa marcha. Nese momento son alertadas as Policías Locais dos concellos limítrofes de Redondela e Porriño, ao ser as dúas únicas direccións posibles que podería seguir.
Tras unha procura, o vehículo é detectado pola Policía Local de Mos na N550, escondido detrás dun camión, os axentes estacionan a unha distancia prudencial, solicitando apoio á Policía Local do Porriño e á Garda Civil, momento no que os sospeitosos emprenden de novo a marcha, e son acurralados grazas a unha acción conxunta entre as patrullas antes citadas. Tras a súa detención e nunha inspección ocular obsérvase que o vehículo estaba “ puenteado”, e tanto no maleteiro como no asento traseiro a existencia de garrafas e ferramentas posiblemente destinadas ao roubo de gasóleo.
Os axentes da Policía Local de Mos contaban coa declaración dun veciño que a noite anterior fora testemuña e tomado fotos de como os ocupantes do vehículo subtraían o gasóleo dun camión estacionado próximo á súa vivenda. Os detidos son postos ao dispor da Garda Civil de Mos.