Rosais para todos os que compren nas librerías de Mos o Día do Libro

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Concello continúa co fomento da imaxe ‘Mos, A Rosa do Camiño’ agasallando con rosais para que os veciños cultiven as súas propias flores

O Concello de Mos presentou o programa de iniciativas e actividades organizado con motivo do Día Internacional do Libro que se celebra o 23 de abril. Dito programa foi deseñado e posto en marcha conxuntamente polas concellerías mosenses de Cultura e Educación e Participación Cidadá, dirixidas polas edís Sara Cebreiro e Kely Monzón, respectivamente; e contando coa colaboración das dúas librerías de Mos, Librería Raquel e Arte y Ciencia.

Por unha banda nos colexios mosenses estase a realizar unha actividade de contacontos para os alumnos e alumnas de Educación Infantil impartido por Raquel Queizás e na que se lles conta aos nenos o conto Cocorocó, baseado na obra de Carlos Casares “A galiña azul”. Tamén se lles regalará a tódolos centros educativos mosenses un exemplar para as súas respectivas bibliotecas do libro CD das Maimiñas, ‘Volta, Revolta e Reviravolta’.

Outra iniciativa das que se van poñer en marcha é o troco de libros na Biblioteca Municipal dende o luns 24 de abril ata o venres 28 de abril. E o proxecto posto en marcha conxuntamente coas librerías mosenses Raquel e Arte y Ciencia consiste nunha rebaixa do 10% sobre o prezo dos libros e coa compra dun exemplar o agasallo dun rosal doado polo Concello durante a xornada do luns día 24 de abril.

 

Deste xeito o Concello continúa co fomento da imaxe ‘Mos, A Rosa do Camiño’ agasallando con rosais para que os veciños cultiven as súas propias flores.

O domingo 23, o propio Día do Libro, o auditorio do Centro Dotacional de Torroso acollerá a representación por parte da compañía Ubú Teatro da obra “A galiña azul” baseada no conto de Carlos Casares, autor ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Trátase dunha obra de teatro infantil dirixida a nenos e nenas de 6 a 14 anos de idade e ás súas familias. A entrada será libre e de balde ata completar aforamento.

 

Por último, o programa de actos con motivo do Día do Libro incluirá un obradoiro que se impartirá na Biblioteca Municipal o venres 28 de abril ás 19.00 horas da tarde. Trátase dun taller de creación dun caderno polo Método de Debuxo Zentangle, dirixido a nenos e nenas de 7 a 12 anos de idade. Os interesados en participar deberán inscribirse previamente na propia Biblioteca.

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e as concelleiras responsables desta programación, Monzón e Cebreiro, declararon sentirse “moi contentas e orgullosas desta programación que aúna cultura, fomento da lectura, promoción das librerías locais e da imaxe ‘Mos, A Rosa do Camiño’ mediante o agasallo de rosais”. Explicaron que “se trata dun programa moi variado que inclúe actividades dirixidas a tódolos públicos e idades, dende teatro a obradoiros, contacontos, etc”.

 

O Concello de Mos continúa deste xeito a súa aposta pola cultura vencellada ao concepto de municipio do Camiño de Santiago que conta coa rosa coma o seu símbolo, emblema, e un dos seus principais atractivos.