Saúdo da alcaldesa
Enorgulléceme saudar dende este espazo ós usuarios e usuarias da páxina web municipal, tanto ós que son veciños de Mos coma ós que a pesar de non vivir neste Concello, fan uso desta ferramenta dixital da que tan orgullosos nos sentimos.
A todos eles agradecerlles o uso que fan deste portal contribuíndo ó fomento das novas tecnoloxías por parte da administración local e animalos a que continúen a ser usuarios activos da web www.mos.es.
Con motivo da inclusión na nosa páxima web do novo Portal de Transparencia, compráceme enviar este renovado saúdo a través desta plataforma que pretende ser o reflexo dunha administración local proactiva, óptimamente xestionada, transparente e sobre todo próxima á veciñanza.
Dende o equipo de goberno non escatimamos esforzos en traballar pola mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, e facémolo apostando pola mellora de infraestruturas e servizos municipais, pola cultura, o deporte, a educación, as áreas de lecer, as novas tecnoloxías, o medio ambiente e as políticas sociais; traballar, en definitiva, polos máis de 15.000 habitantes de Mos.
Non podo deixar de expresar ademais no presente escrito o meu especial desexo de que os e as mosenses que padecen a complicada situación do desemprego poidan ir, pouco a pouco, atopando un posto de traballo que lles permita disfrutar da calidade de vida que merecen. Neste sentido este Concello, dende o ente da nosa Axencia de Colocación municipal, traballa pola mellora da formación dos desempregados e pola orientación laboral que lles axude a reintegrarse canto antes no mercado laboral.
Finalizo, como representante do equipo de goberno mosense, renovando este compromiso de esforzo e xestión eficaz que beneficie a tódolos eidos e departamentos municipais.
Sen máis, reciban un cordial saúdo,
Nidia Mª Arévalo Gómez
Alcaldesa do Concello de Mos
A ALCALDESA RESPONDE: ENVIAR CONSULTA