Seis asociacións mosenses benefícianse este ano das axudas da Deputación de Pontevedra

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A deputada provincial, Marta Iglesias, achegouse onte a Mos para repartir as subvencións acompañada pola alcaldesa Nidia Arévalo e a concelleira Sara Cebreiro

 

A deputada provincial, Marta Iglesias, achegouse a Mos onte pola tarde para informar, -acompañada da alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e da concelleira de Cultura e Benestar Social, Sara Cebreiro- ás asociacións beneficiarias da concesión dunha serie de subvencións relativas ó programa provincial de axudas culturais e sociais.

 

En total Iglesias repartiu unha cantidade que ascende a preto de 8.500 euros entre 6 asociacións culturais e sociais do municipio. As agrupacións beneficiadas polas axudas da Deputación son a Asociación Cultural Tangaraño, a Asociación Cultural Folclórica As Lagharteiras, o Centro Recreativo e Cultural de Torroso, Asodifisi –Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos-, Asomamos –Asociación de Maiores, Pensionistas e Xubilados de Mos-, e o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia.

 

A maioría destas axudas irán destinadas á adquisición de vestiario, agás no caso do Centro Recreativo e Cultural de Torroso que serán para a compra de instrumentos, e no de Asodifisi, que se investirán na realización dun curso titulado Sementamos.

 

A deputada Marta Iglesias destacou o importante labor do Concello en xeral e da súa alcaldesa en particular para intentar que as asociacións logren as mellores subvencións posibles facendo un intenso traballo de intermediación entre as agrupacións e a administración provincial, así como encargándose do seguemento ós procesos de concesión de ditas subvencións.

 

Pola súa banda Cebreiro, edil de Cultura e Benestar Social mosense, salientou a importancia que este tipo de axudas teñen para o tecido asociativo do Concello de Mos, polo que agradeceu o labor da administración provincial neste sentido e en particular á deputada provincial, Marta Iglesias, pola súa habitual e constante implicación para coa localidade de Mos. E é que dende o ano 2009 a Deputación de Pontevedra leva repartido un total de 62.000 euros en subvencións entre estas 6 asociacións mosenses.