Solidariedade, panxoliñas, concursos e obradoiros infantís protagonizan o Nadal mosense

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A novidade deste ano é unha mostra de artesanía no Pazo de Mos

 

A programación de Nadal deste ano no Concello de Mos consta dos tradicionais Cabalgata de Reis e Certame de Panxoliñas, e ante a boa acollida de edicións anteriores repítense tamén outras actividades como son os obradoiros infantís, o concurso de postais e a campaña de recollida de alimentos para familias necesitadas do municipio, Nadal Solidaro.

 

Unha novidade deste ano é a mostra de artesanía Dragon Market, organizada pola asociación Drangonfly e que terá lugar no Pazo dos Marqueses de Mos. Ademais os Paxes das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visitarán os centros mosenses de Educación Primaria e celebrarase unha actividade de animación musical incluída no programa Ocio en Familia no Multiusos.

 

A concelleira de Cultura e Benestar Social, Sara Cebreiro, aportou hoxe datos sobre toda esta programación de Nadal que organiza conxuntamente coa concelleira de Participación Cidadá e Educación, Kely Monzón. Cebreiro explicou que o Certame de Panxoliñas Concello de Mos 2012, celebrarase no auditorio do centro Multiusos das Pozas, en Petelos, os domingos 16 e 23 de decembro a partir das 18.00 horas da tarde.

 

O domingo 16 actuarán a Coral Novas Voces de Celado, a Coral Polifónica o Son dos Cantares de Tameiga, a Coral Polifónica Santa Eulalia de Mos e o Coro das Escravas da Virxe Dolorosa, que é a primeira vez que participan neste certame e ás que dende o Concello se lles quere trasladar todo o apoio municipal.

 

O domingo día 23 de decembro intervirán no Certame de Panxoliñas o Orfeón Asomamos, a Coral Polifónica Ventos do Val, a Coral Polifónica Nosa Terra de Pereiras, e o Grupo Vocal Santa Eulalia de Mos.

 

Respecto dos Obradoiros Infantís de Nadal explicou que van dirixidos ós nenos e nenas empadroados en Mos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Dito obradoiro celebrarase dende o 24 de decembro ó 7 de xaneiro de 09.00 horas a 13.00 horas (de luns a venres) na Ludoteca de San Rafael, parroquia de Pereiras.

 

O prazo de inscrición rematará o vindeiro 17 de decembro. E os pais interesados en que os seus fillos participen neste obradoiro deberán cumprimentar a solicitude que poden obter nos departamentos municipais de Participación Cidadá e Rexisto antes da data tope. O prezo por participante é de 50 euros.

 

Kely Monzón, edil responsable desta iniciativa, explicou respecto deste obradoiro que “no período de vacacións dos máis pequenos orixínase a necesidade de conciliar a vida laboral coa vida familiar ademais de dar un servizo de ludoteca, por isto ofrecemos un Obradoiro de Nadal, cunha oferta variada de actividades lúdicas, deportivas, xogos e talleres, co fin de achegarlles aos escolares do Concello de Mos unha alternativa de ocio e tempo libre mentres os seus pais e nais traballan”. “Ademais, con esta iniciativa preténdense favorecer as relacións interpersoais entre os nenos e nenas dos diferentes colexios de Mos, dinamizar o tempo libre dos escolares con actividades educativas, continuar ca tradición que envolve esta festa e aportar unha localización da que non poden dispoñer no resto do ano”, declarou tamén a edil.

 

O obradoiro realizarase en horario de mañá e nel desenvolveranse distintas actividades como xogos de presentación e coñecemento, taller de manualidades, saída a unha pista de xeo, xogo de pistas, reciclaxe, celebración da Noite Boa, cociña, danza, Gala de Nadal e campanadas, decoración de Nadal, xogo de Nadal, animación á lectura e contacontos, e Gala de Despedida.

 

A Gala de Despedida consistirá en que o 7 de xaneiro celebrarase unha festa para os participantes e para os pais e nais destes; que contará con decoración propia, actuacións, baile, etc. Todo preparado polos rapaces e rapazas participantes, coa axuda dos monitores, durante o obradoiro dos días anteriores.

 

As concellerías de Participación Cidadá e Benestar Social do Concello de Mos, en colaboración co Club de Leones de Mos, tras o éxito obtido o ano pasado con esta campaña, están a organizar novamente a iniciativa de recollida de alimentos para as familias máis desfavorecidas do municipio, Nadal Solidario.

 

Para levar a cabo o programa Nadal Solidario, as concelleiras responsables solicitan a colaboración de toda a comunidade veciñal, coa aportación de alimentos típicos destas festas, que se poderán deixar nos seguintes lugares habilitados: ata o 17 de decembro nos centros educativos de Mos ou no departamento de Participación Cidadá do Concello (Edificio Multiusos), en horario de 9.00 horas a 14.00 horas e tamén ata o 17 de decembro en calquera asociación veciñal das distintas parroquias.

 

Tamén se solicitará colaboración aos supermercados (grandes superficies) do Concello, empresas distribuidoras de alimentos, ás asociacións veciñais e ós centros educativos do municipio.

 

O día 17 de decembro farase a recollida de alimentos nos centros educativos e nas asociacións colaboradoras, establecendo con anterioridade un horario, e os alimentos levaranse á sede da Asociación Club de Leones onde se procederá ao seu clasificado e a elaboración dos paquetes. O día 18 de decembro procederase á clasificación dos alimentos na sede do Club de Leones e o empaquetado realizarase os días 18 e 20 de decembro.

 

O día 20 de decembro ás 18.00 horas procederase á “Entrega Solidaria” dos alimentos ás familias  necesitadas de Mos, supervisado o listado polo departamento de Benestar Social do Concello, na sede da asociación  Club de Leones. Tamén se lles entregará ás familias que, aínda que non reciban atención do departamento de Benestar Social, se atopen nunha situación económica crítica.

 

As edís responsables da campaña Nadal Solidario declararon a este respecto que con este programa “tratarase de garantir as necesidades básicas, en materia de alimentación, (ao longo destas festas), de todas aquelas familias veciñas de Mos con escasos ingresos económicos, unha cifra que lamentablemente, coa situación de crise que vivimos, é cada vez maior”.

 

As representantes municipais explicaron tamén que “o obxectivo deste programa é conseguir a sensibilización de toda a comunidade, ante a difícil situación económica pola que están atravesando moitas familias do municipio mosense, aportando o noso grao de area nestas datas tan sinaladas, repartindo alimentos típicos destas festas”. “A situación este ano agravouse, e temos máis familias ás que lles costa chegar a fin de mes. Queremos novamente poñer en marcha este acto de solidaridade e necesidade,  coa recollida de alimentos que realizaremos co motivo do Nadal en colaboración coa asociación Club de Leones”, declararon, e fixeron un chamamento a toda a comunidade interesada en colaborar como voluntarios para axudar na clasificación e elaboración dos paquetes; os interesados, que deberán ser maiores de idade, poderán inscribirse no departamento de Participación Cidadá do Concello de Mos, situado no Multiusos. Asimesmo rogaron que a dirección de calquera asociación ou centro educativo, que coñeza a algunha familia do contorno que precise desta axuda, poderá poñelo en coñecemento das concellerías organizadoras para que a asociación Club de Leones estableza contacto con eles e valore a situación. Recordaron, ademais, que as familias necesitadas poden dirixirse ao departamento de Benestar Social para solicitar a Axuda por Emerxencia Social.

 

A continuación mencionar que o Pazo de Mos acollerá a primeira edición do Dragon Market, de exposición e venta de productos de artesanía.

 

Trátase dunha iniciativa emprendida por un grupo de artesáns e artistas mosenses que organizan esta mostra por primeira vez  coa pretensión de que se convirta nunha plataforma para creativos independientes.

 

A exposición estará aberta ó público os días 14, 15 e 16 de decembro no Pazo de Mos. O venres 14 e o sábado 15 o horario de apertura será de 17.00 horas a 22.00 horas, mentres que o domingo, día 16 de decembro, a mostra abrirá as súas portas todo o día, dende as 10.00 horas da mañá ata as 20.30 horas da tarde.

 

O colectivo artístico organizador deste evento, o Proxecto Dragonfly, conta nesta iniciativa coa colaboración da Fundación Pazo de Mos e do Concello de Mos. Segundo declarou a edil Sara Cebreiro, “co apoio municipal a esta mostra pretendemos fomentar a promoción da artesanía local e incentivar a venta de producto artístico autóctono durante esta campaña de Nadal na que se adquiren agasallos para familiares e amigos”.

 

A inauguración da exposición celebrarase o vindeiro venres, día 14, ás 17.30 horas, segundo informou tamén a edil de Cultura mosense. Durante os tres días de exposición, a mostra contará, en horario de 19.30 horas a 21.30 horas, co acompañamento musical do dúo ‘Two in the mirror’.

 

Ademais dos artesáns, exporán tamén estes días a súa obra no Pazo de Mos o pintor Suso Valiente, o escultor en pedra Raimundo Martínez, o escultor en madeira Alberto Romer e varios fotógrafos alumnos de Tony Vaca.

 

            Por último, a visita dos Paxes Reais ós centros de Educación Primaria do Concello de Mos realizarase os días 19 e 20 de decembro, ata o 21 de decembro os nenos e nenas mosenses de entre 3 e 12 anos poderán participar no Concurso de Postais de Nadal que se celebra na Biblioteca Municipal sita na Porteliña, o 30 de decembro ás 18.00 horas da tarde o Multiusos acollerá unha actividade de animación musical do programa Ocio en Familia, e o 5 de xaneiro, tamén a partir das 18.00 horas, terá lugar a tradicional Cabalgata de Reis pola Avenida de Sanguineda.