Soluciónase o problema de saneamento dunha empresa de Sanguiñeda

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Ademais a factoría estudia, neste sentido, poñer en marcha un proxecto pioneiro en I+D+i de aproveitamento comercial de augas de proceso

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Saneamento e Abastecemento, Camilo Augusto, e o edil da parroquia de Sanguiñeda, Isidoro Táboas, e o presidente da Asociación de Veciños de Sanguiñeda, visitaron esta mañá as obras de saneamento que se están a acometer nas inmediacións do río Perral, concretamente onde se ubica unha empresa de conxelados que conta en plantilla cun total de 85 traballadores. En dita visita estiveron acompañados en todo momento por representantes da empresa.

Ditos traballos, que foron hoxe supervisados polos representantes municipais para comprobar de primeira man o seu correcto desenvolvemento, consisten na optimización do sistema de depuración da empresa, que ata o de agora contaba cunha estación de depuración que trataba as augas residuais antes de vertelas ó río Perral, sen embargo, o seu funcionamento estaba a rexistrar fallos polo que se producían verquidos incontrolados ó río.

Neste sentido, dende o Concello de Mos se iniciou o procedemento oportuno para requerirlle a empresa que solucionase dita situación e o departamento municipal de Saneamento acometeulle o enganche ó colector xeral, deixándolle así vía libre para que as instalacións se conecten o mesmo e dende a empresa xa non teñan que preocuparse polos posibles verquidos ó río Perral; segundo informaba hoxe Camilo Augusto.

Pola súa banda a empresa está a executar actualmente as obras da rede separativa de augas, traballos que visitaron esta mañá Arévalo, Augusto, Táboas e o presidente da asociación veciñal, e que se rixen polas esixencias técnicas marcadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, pola Augas de Galicia e pola administración local; quedando deste xeito as instalacións conectadas á rede de alcantarillado municipal.

A rexedora local, Nidia Arévalo, declarou neste sentido que dende o Concello se lle fixo un seguemento exhaustivo a todo o proceso realizado para porlle solución a esta situación, que se tratou de arranxar coa máxima celeridade posible xa que tiña consecuencias desagradables para os veciños da zona, que viñan demandando unha solución dende fai tempo.

Con isto a alcaldesa espera que, nun prazo duns 20 días, que será o que tarden en rematarse as obras aproximadamente, os veciños de Sanguiñeda vexan sensiblemente mellorada a súa calidade de vida, sobre todos os que teñen as súas vivendas nas inmediacións do río Perral.

Con esta obra que está a piques de rematar e que ela mesma asume, a empresa situarase á vangarda tecnolóxica xa que ademais está estudiando implantar un sistema novedoso xa patentado para o tratamento de augas de proceso de industria do sector pesqueiro mediante o aproveitamento máximo tanto de ditas augas como dos sólidos que se producen como subproductos neste sector.

Dito proceso consistirá na utilización de biodixestores anaerobios que permiten eliminar a carga orgánica das augas antes do seu verquido e á súa vez dispoñer da enerxía producida en dito proceso (biogás) para o aproveitamento principalmente de autoconsumo e se resultase excedente para subministro á rede comercial.

Estes procesos biotecnolóxicos están plantexados para o aproveitamento total dos subproductos que se xerarán coa súa utilización. Os lodos serán tratados para ser empregados posteriormente como fertilizantes enriquecidos e outros subproductos intermedios poderían ser usados para a propia retroalimentación dos procesos. Procederase, segúndo informaron dende a empresa, á análise minuciosa e levaranse a cabo desenrolos paralelos para a mellora e valorización do conxunto dos procesos.

Os subproductos que poderán xerarse durante estes tratamentos contarán cun estricto control e sempre prevendo a máxima calidade dos mesmos de cara a súa explotación comercial.