Son de Seu encandila ó público na primeira xornada do festival ‘O Son do Pazo’

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

SON_3Os cabezas de cartel serán hoxe Budiño e a mosense Uxía Senlle

O grupo Son de Seu foi cabeza de cartel na primeira xornada do I Festival Intercéltico ‘O Son do Pazo’  celebrada onte a partir das 22.00 horas. O desta agrupación foi un concerto máxico que encandilou e emocionou ó público asistente.

A Policía Local de Mos, que está a velar pola seguridade de músicos participantes e público asistente ó I Festival Intercéltico ‘O Son do Pazo’ estimou nunhas 700 persoas os participantes na xornada de onte, na que ademais de Son de Seu actuaron tamén as agrupacións A Vacaloura Vermella e Riobó.

Esta fin de semana celébrase no contorno do Pazo de Mos o I Festival Intercéltico ‘O Son do Pazo’. A entidade organizadora deste evento cultural e musical é o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos. Tras os concertos celebrados onte, hoxe chegan máis actuacións musicais que serán, ademais das matutinas, outras en horario de tarde-noite a partires das 21.30 horas, tales coma as da Banda de Gaitas Airiños do Castelo, a Banda de Gaitas Marino Tapeiga, Os Dabaixo, e Budiño & Uxía.

A programación musical rematará esta madrugada, pero as actividades de ‘O Son do Pazo’ non finalizan hoxe, senón que mañá domingo, ó longo de todo o día, haberá un pulpeiro e obradoiros de artesanía e baile.

Esta é a primeira edición deste festival folk que comeza apostando forte e contando con grandes grupos do mundo folk; pretendendo que se convirta nun referente da música galega, tanto neste Concello como na zona sur de Galicia e norte de Portugal.

Como xa se dixo o evento esta organizado polo  Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, (con sede no Pazo de Mos), contando como principais colaboradores o Concello de Mos, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

A idea principal é consolidar este evento como un referente da música galega, pasando a formar parte dunha das citas máis importantes do panorama folk. Tamén se persegue o obxectivo de converter este evento nun festival intercéltico onde o público poida gozar  non só de grupos galegos, senón tamén de grupos doutras culturas Celtas.

Os asistentes a este Festival contan cun lugar para poder realizar acampada libre.

Ademais esta tarde celebrarase unha concentración e ruta de motos Vespa na que os propietarios e/ou conductores dunha destas motocicletas poderán inscribirse ás 17.00 horas da tarde, para a continuación partir cara á ruta e regresar para a entrega de diplomas ás 20.30 horas no Pazo de Mos.