Todo a punto en Mos para o inicio do curso e das actividades extraescolares xestionadas polas ANPAS

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Concello de Mos subvenciona catro actividades nos cinco CEIPs do municipio, que son totalmente gratuítas para os participantes e se imparten nas instalacións dos respectivos centros educativos: Fútbol Sala, Baloncesto, Balonmano e Multideporte

Máis de mil cen cativos de Educación Infantil e Primaria comezarán mañá as clases do novo curso escolar 2019-2020 nos 5 CEIPs públicos do Concello de Mos: Petelos, Pena de Francia, Atín, Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos) e Mestre Valverde Maio (Sanguiñeda).

Para asegurarse de que todo estivese a punto e en perfectas condicións para a volta ao cole dos nenos e nenas escolarizados en Mos a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, visitaron esta mañá as instalacións dos cinco colexios.

Ademais das clases, co inicio do curso, regresan tamén a Mos as actividades extraescolares ofertadas polo Concello. A administración local mosense, a través da concellería de Educación e en colaboración coas ANPAS, leva unha década promovendo esta iniciativa que comezou concretamente no curso 2010-2011 e hoxe é xa toda unha tradición; e pilar fundamental para a concienciación da vida familiar e laboral dos pais e nais mosenses.

O Concello de Mos subvenciona catro actividades extraescolares xestionadas polas ANPAS (Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as) nos Centros de Educación Infantil e Primaria do municipio que son totalmente gratuítas para os participantes. Trátanse de clases de Fútbol Sala, Baloncesto, Balonmano e Multideporte que se imparten nas instalacións dos respectivos centros educativos.

A disciplina de Fútbol Sala organizouse por primeira vez no curso escolar 2017-2018, e celebrouse unha Liga Escolar na que competiron entre sí os equipos dos 5 CEIPs públicos da localidade mosense: Atín, Mestre Martínez Alonso, Mestre Valverde Maio, Pena de Francia e Petelos. Este curso mantense a disciplina e organizarase de novo a devandita Interliga entre os cinco colexios.

Para impartir as actividades de Fútbol Sala e Multideporte o Concello de Mos ten asinados sendos convenios coa Unión Deportiva Mos, que destina un total de 14 monitores deportivos para levar a cabo as clases, e co Club Louro Tameiga. De impartir as clases de Baloncesto encárgase o Porriño Baloncesto Base. E por outra banda as clases de Balonmano son impartidas polo Club de Balonmano Porriño, que destina ás mesmas 4 monitores/as.