Todo a punto no Concello de Mos para reabrir a porta ao público o luns

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Tras a posta en marcha do protocolo de persoal municipal e do protocolo de edificios públicos para a desescalada do Concello de Mos, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a técnico de Persoal, Recursos Humanos e Prevención de Riscos Laborais, Tatiana Iglesias, reuníronse esta mañá para supervisar e comprobar que todo se atopa apunto e nas condicións requeridas para a reapertura da atención ao público o vindeiro luns 11 de maio.

A atención presencial á veciñanza farase con cita previa en horario de 10 a 13 horas. A cita previa poderá concertarse telefónicamente de 9 a 14 horas.

Só se realizarán presencialmente trámites imprescindibles e urxentes que non poidan ser realizados por vía telemática a través da sede electrónica do Concello de Mos.

Os edificios municipais que abrirán as súas portas o luns son a Casa do Concello, o edificio no que se atopan os departamentos municipais de Política Social, CIM, Urbanismo e Medio Ambiente; a Axencia de Colocación, as oficinas da Policía Local, o Multiusos das Pozas e a Biblioteca Municipal sita na Porteliña.

O resto de edificios e instalacións municipais permanecerán pechados ata novo aviso.

Na entradas dos edificios que se reabren o luns haberá unha persoa que dará as indicacións necesarias para realizar cada trámite. Ademais recoméndase o uso de mascarilla ao público que acoda ás instalacións públicas municipais e se non a levan ofreceráselle in situ.

Durante as dúas últimas semanas, desde o Concello de Mos en xeral e desde o departamento de Persoal en particular, estívose traballando intensamente para facer posible esta reapertura de portas ao público.

Formouse a todo o persoal municipal por departamentos en prevención de riscos laborais específica do COVID-19.  A formación incluiu directrices para a reincorporación presencial ao traballo coas novas indicacións e que cada un dos/as traballadores/as poida acceder ao seu posto e desenvolver o seu labor diario con seguridade.

Deste xeito o persoal municipal recibiu indicacións e pautas sobre cal é o sistema de entrada e saída do centro de traballo con seguridade, como funciona e como desenvolver o sistema de atención ao público con cita previa, como proceder cando sexa necesaria a celebración de reunións en persoa… etc.

Ademais durante esta semana tamén se estivo recepcionando e instalando por parte do departamento municipal de Persoal diferente material en materia de prevención de riscos laborais específico para o COVID-19: dispensadores automáticos de geles hidroalcohólicos, Equipos de Protección Individual (mascarillas, luvas, pantallas… etc.), material sanitario, pantallas ou mamparas de protección para mostradores, ventanillas, despachos (en xeral lugares de atención ao público)… etc., alfombras desinfectantes… Todo este material foi minuciosamente revisado e supervisado pola Técnico para comprobar que estaba en perfectas condicións e cumplía os estándares de homologación e certificación.

Tamén se realizou a instalación doutras medidas seguridade e de cambios nas instalacións municipais como o control de temperatura na entrada para garantir que sexa inferior a 37 graos centígrados, de sinalización direcciónal, de turnos de espera, de recomendacións de hixiene e marcas de separación interpersoal de seguridade, dunha porta automática na entrada da Policía Local e, con carácter xeral, distribuiuse solución hidroalcohólica para as mesas de todo o persoal. A maiores esta fin de semana: mañá sábado 9 e domingo 10 de maio, o Sevizo Municipal de Emerxencias realizará a ionización con cañóns de ozono das dependencias municipais de cara á súa reapertua ao público o luns día 11.